Firmas

Cidades vellas e conservación

    • 26 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    HAI preocupación en Santiago polo baleirado habitacional da cidade antiga, da parte da cidade que ten personalidade con marca histórica. O que non sabemos moi ben –referíndonos ao pasado histórico– é se foi conservada por estar en determinados períodos moi pouco habitada, mesmo abandonada ou se a súa conservación é froito do coidado dos seus habitantes.

    Do que non cabe a menor dúbida é de que –na actualidade– a terciarización practicamente en exclusiva para restaurantes e tendas de vocación turística (desde oferta de meigas á trapallada chinesa) non constitúe o mellor réxime de coidados e permanencia da parte nobre dunha cidade.

    Lugo é unha cidade de creación moito máis antiga que Compostela, e o seu casco vello, perfeitamente identificábel por estar circundado pola Muralla romana, pasou por períodos de abandono (que implicaron a destrución), épocas de esplendor e, na actualidade, de declive cidadán, verdadeiramente doloroso.

    Unha cidade en todos os seus espazos ha cumprir en primeiro lugar –en sentido funcional– as condicións de habitabilidade e servizos proprios de cada época. Hoxe é inconcebíbel pensar que hai unha oferta de vivenda aceptábel sen nengunha das componentes que se consideran indispensábeis para lograr, grazas á vivenda, unha vida máis ou menos digna.

    Certamente, non toda a cidade, nen tampouco a parte histórica, teñen condicións para reunir en cada local e en cada vivenda todos os requerimentos dunha vivenda de última xeración. A conservación do espazo ocupado, as condicións necesarias de conservación do existente –por razóns obvias– e a capacidade técnica actual de reconversión, condicionan, en primeiro lugar, a restauración, a reutilización e a busca de habitantes adecuados; en segundo lugar, coas condicións de habitabilidade logradas.

    Sempre haberá un colectivo disposto a viver no casco que prescinda do uso do automóbil porta a porta: os casos de usuarios de transporte público en desprazamentos urbanos ou doutros medios de transporte, incluída a camiñada, constitúen un colectivo posíbel de habitantes da cidade histórica.

    Mais, probabelmente, este mesmo colectivo en conxunto cos titulares de estabelecementos do sector servizos (de todo tipo, non necesariamente só tendas) precisan uns accesos mediante fibra óptica ao servizo total de conexión internet, e cobertura total da rede móbil (neste momento hai queixas de pior cobertura que antes das obras de extensión do cable).

    Non hai hoxe, tecnicamente falando, desculpa algunha para converter en afuncional un espazo, do ponto de vista das conexións telemáticas que a técnica actual permite. E non é comprensíbel, cando se observa polo lado contrario, uso masivo para destino turístico e observar anuncios, letreiros e feísmo sólido, do máis culpábel dos abandonos.

    Se o casco vello superou no pasado o trauma de anular pozos e distribuír ordenadamente subministro de auga corrente e a rede de sumidoiros, hoxe podería tamén se dotar dunha rede de fibra óptica, mesmo oculta, para evitar que as nobres paredes de pedra que contan historias de séculos sirvan de sostén inadecuado de cables sobrepostos en estética endemoñada.

    Sucede, sen embargo, que o deseño da cidade do presente e a do futuro precisa un plan de consenso estratéxico con dotación plurianual así como unha firme vontade de execución en todos os seus rubros.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.