Firmas

Citius, altius, fortius

    • 02 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Á parte da conveniencia ou non da súa celebración o certo é que, cun ano de atraso, estamos a vivir os XXII Xogos Olímpicos que pasarán á historia como os do coronavirus. Uns xogos sen presenza de público, cunha cerimonia de inauguración máis ben triste, cun tifón que xa frustrou algunhas das esperanzas de medalla pero non a ilusión por competir, e que demostran, unha vez máis a fortaleza e a resiliencia dos deportistas galegos presentes no evento (uns 39 entre olímpicos e paralímpicos) onde compiten en disciplinas como maratón, atletismo, vela, piragüismo, natación, tenis ou takewondo.

    Conta o historiador Pausanias que cando naceu Zeus, Heracles Ideo e catro dos seus irmáns correron a Olimpia para entreteren o meniño. El foi o primeiro en chegar e corouse cunha coroa de oliveira. Velaquí o inicio dunha homenaxe deportiva ao deus, que se repetiría cada catro anos. Foi en 1892, cando o francés Coubertin redactou e presentou na Universidade da Sorbona un manifesto que daría orixe, en 1896, á primeira edición dos xogos da era moderna, celebrados en Atenas.

    Só se cancelaron por mor das guerras mundiais aínda que deberiamos cuestionarnos se foron moralmente aceptables, por exemplo, os Xogos de Berlín con Goebles e Hitler na fura de diante poñendo a funcionar toda a maquinaria de propaganda nazi que tan bos resultados lles deron. O único bo deles foi darlles nos dentes coa participación de atletas negros, “axudantes africanos” dicían eles e, sobre todo, coa do gran Jesse Owens; o feito de constatar que non todos os alemáns eran nazis como demostrou o atleta Luz Long e rival de Owens ao aconsellalo para que gañase unha das súas 4 medallas e que supuxo o inicio dunha grande amizade e, malia estar ao servizo do ditador o excepcional e revolucionairo traballo de Leni Riefenstahl, muller que liderou un despregamento de medios colosal con planos incribles, cámaras simultáneas, incluso transmitindo en directo a varios cines de Berlín... que tardarían anos en superarse.

    E non podemos esquecer outros xogos que tampouco responderon ao espírito co que naceron. Sen ir máis lonxe, nos tan cacarexados de Barcelona 92, había 32 países que non incluíron ningunha muller varios deles por prohibición expresa dos seus gobernos.

    Tivemos que agardar ao ano 2012 para constatar a presenza feminina en todos os equipos e demostrar que elas, sen ningunha dúbida, poden levar a chama olímpica –idea dun nazi, por certo– e exemplificar o espírito e o lema dos xogos: Citius, altius, fortius.

    Tema marcado como favorito