Firmas

Consecuencias pandémicas

    • 10 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Nos encontros sociais, ao redor dun viño ou unha cervexa, agora que, con cautela, puideron ser recuperados xurde decote a preguntas dos efectos permanentes que nos deixará o tempo de pandemia. Alguén adianta o tele-traballo e as videoconferencias, que agora forman parte da existencia cotiá de moitos. Outro sinala o impulso ao comercio electrónico, o auxe das plataformas de entretemento; un terceiro cita a procura acrecentada dunha residencia con xardín ou a construción de reservas estratéxicas de determinados produtos.

    Sen dúbida, a dixitalización en todos os ámbitos da existencia será un fenómeno en alza nos vindeiros anos, cambiando a nosa forma de producir, consumir ou relacionármonos. No Senado estamos traballando en criterios para a regulación da intelixencia artificial e o futuro que nos fan dexergar os expertos que pasan pola Ponencia creada ao efecto asombra e atemoriza a un tempo.

    E a disociación crecente entre o lugar de residencia e a oficina (e a posibilidade de curar ou ensinar a distancia) poden reducir o atractivo das cidades centrais e facer gañar puntos a lugares tranquilos, baratos e de clima suave. ¿Salarios de Londres e prezos das Rias Baixas? ¿Soldos de Madrid e vida en Carnota? Claro, sempre que exista unha boa rede de transporte e fluídas comunicacións electrónicas. Que o AVE nos sitúe a tres horas de Madrid e que as infraestruturas dixitais se estendan e modernicen ao abeiro dos fondos Next Generation son unha oportunidade para Galicia.

    Con todo, ¿non lles parece que os parágrafos anteriores teñen un certo nesgo....de clase -e inclusive de xénero ou de idade-? A pandemia fixo estragos entre os traballadores manuais máis precarios (nin tele-traballo nin ERTEs ou axudas aos autónomos), sobre todo os recentemente incorporados ao mercado de traballo, colocou nunha enorme tensión aos sanitarios e outros empregados públicos (e privados) aos que encargamos o coidado dos enfermos, a atención aos maiores ou a formación dos nosos fillos, cargou sobre as nais (e algúns pais) a responsabilidade de substituír aos docentes nos momentos das aulas pechadas, moitas veces facendo compatible esa carga co traballo a distancia. Por iso, cando teño que explicar os “meus” efectos permanentes da pandemia cito catro -poderían ser máis-, que son tanto esperanzas como realidades: a conversión dos ERTEs nun sistema estable, ao estilo do que sucede noutros países europeos, que converta ao despido nun último recurso; o reforzamento das políticas de acompañamento ás familias traballadoras con fillos a cargo e singularmente, ás mulleres que deberon abandonar o seu emprego; a consolidación dun sistema de servizos públicos esenciais (sanitario, educativo, de atención aos maiores) no que o papel dos seus protagonistas estea convenientemente valorizado; e por último, medidas como o SMI ou unha fiscalidade xusta, que reduzan as desigualdades que a pandemia agravou.

    A tecnoloxía, en sentido amplo, só cobra sentido se facilita as nosas vidas e protexe as das xeracións futuras. A organización social (incluía a esfera política e a empresarial) é a que converte as promesas dos avances científicos e tecnolóxicos en existencias máis longas, plenas e felices. E se a liberdade é un valor único, debe seguir acompañada da igualdade e a fraternidade para cobrar sentido. En fin, debo ser un pouco antigo.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.