Firmas

Dar puñetazos no taboleiro da mesa

    • 11 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    ORIOL Junqueras recórdame a Don Lino, non sei moi ben por que. Debe ser porque goza da mesma estrutura corporal que aquel prelado doméstico da Súa Santidade que andaba a paso lento, pero firme, por Pontevedra adiante e que, grazas ó finado do meu pai, coñeciamos na miña casa coma O Oso.

    O monseñor tiña sona de bondadoso, non quero dicir santo, e posiblemente o fose; pero ó meu pai non lle caía nada ben. Nunca lle preguntei por que, as súas razóns tería. Entón os clérigos vestían hábitos talares, tonsuraban as súas cabezas e nas perruquerías cobrábanlle dous reás por lles facer as coronillas, que neso consistían as súas tonsuras.

    Nunca me atrevín a preguntar canto lles cobrarían ós frades franciscanos que daquela lucían espléndidas calvas, coroas capilares que lles circundaban o seus cranios e camiñaban calzando sandalias polo medio das pozas que deixaban unhas chuvias tan intensas e frecuentes como as destes días.

    Pero comezamos falando de Oriol Junqueras, que nun tempo tamén afirmou ser bo, como Don Lino, que ten a mesma estrutura corporal ca este e que, coido eu, tamén ten certo parecido de acenos e coas monsergas coma as que se gastaba o prelado doméstico, Don Lino, O Oso. A min Oriol Junqueras cáusame certo desacougo, non o podo negar, vostedes disimúlenmo.

    Xa me sucedeu o mesmo con Carod Rovira, nos tempos aqueles que Pascuall Maragall gobernou Cataluña en comandita con el e mailo seu partido. Non porque aquel me recordase a prelado ningún, malia que moitos de ERC manteñan certo aire, non sei se dicir eclesiástico ou simplemente clerical, o que non quere dicir nada malo, pero que a min si mo recorda sendo como son un fervoroso crente de que, todo ó longo da Historia, as clases máis descridas de toda canta cidadanía leva pululado pola Terra foron sempre as sacerdotais.

    Houbo uns momentos nos que a Maragall se lle ía o Goberno de entre as mans e deu un puñetazo na mesa (unha puñada, se o prefiren) que se debeu notar na sempre en construción Sagrada Familia barcelonesa e serviu pra recuperar un equilibro que xa se cría perdido de xeito que foi concluída enteira a lexislatura unha vez debidamente restablecida a orden.

    Eiquí, entre nós, tamén puido suceder algo semellante cando Touriño, quizás non debidamente asesorado por aquela especie de monxa Exeria, de rizada e negra cabeleira, coa que sempre consultaba, non o empuxou precisamente a elo e non deu o famoso e reclamado puñetazo que equilibrara ó seu Goberno do xeito que se ofrecía necesario e, claro, non repetiu mandato. Isto de dar puñetazos no taboleiro da mesa pode ter certo aire tabernario, sen dúbida, pero como figura de dicción pode ser abondo útil; polo menos a min parécemo.

    Estes días non fago máis que preguntarme pola idoneidade dese Goberno bicéfalo que non digo que o sexa, pero si que a todas luces parece ser que o é, no que o seu vicepresidente segundo asegura que hai que forzar ó Goberno dende dentro do Goberno. Transcrita tal afirmación á linguaxe vulgar pode ser entendida como unha suxestión de que o Goberno ten á oposición metida dentro do seu seo ou, algo así coma lombrices no bandullo, o que ven sendo o mesmo que dicir que unha parte do Goberno parasita e desgasta á outra parte e a quen Deus lla dea san Pedro (Sánchez) lla bendiga.

    Aínda queda tempo pra afrontar o proceso electoral, pero a paisaxe contemplada desde este outeiro non presaxia nada bo. Ó partido maioritario da oposición sucédelle tamén algo parecido, incluso pode que moito máis gravemente: medio cento de escanos son moitos máis escanos que os que están ó dispor do esposo da señora ministra de Igualdade e actúan bastante máis do debido botando man de referencias que os deputados do grupo maioritario da oposición seguro que interpretan como propias pois así de desartellado quedou o partido que fundou o finado León de Vilalba.

    En resume, que o dos puñetazos no taboleiro da mesa debe ser entendido coma un cambio de rumbo que favoreza a chegada ós portos de arribada previstos e non a outros. Millor dar unha guiñada a tempo que seguir navegando en augas turbulentas pra acabar riba das pedras.

    Tema marcado como favorito