Firmas

Debate necesario: monarquía ou república

    • 08 ago 2020 / 10:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A marcha ao exterior de Juan Carlos “Rei emérito” como consecuencia de investigacións penais que o involucran, aínda que a esta altura non exista unha acusación formal, cuestionan á Monarquía como institución. É así porque deixan en entredito a falta de control por parte dos demais poderes, e desmontan un discurso sistémico no que se pretendía converter ao povo en debedor dunha transición democrática liderada por Juan Carlos. Coa saída ao exterior do “rei emérito”, moitos/as falan de fuxida, ponse en primeiro plano máis unha vez a disxuntiva entre república e monarquía, aportando elementos de xuízo evidentes para todos e todas para alén do debate teórico.

    Resulta difícil de crer que os negocios de Juan Carlos non fosen coñecidos polos sucesivos governos, de dereita e esquerda. Houbo polo tanto un consentimento coa escusa de protexer ao Estado español, ao que axudou a blindaxe do monarca como inviolábel na Constitución (non suxeito a responsabilidade penal ningunha), texto que debeu ser modificado hai décadas. Non se pode argumentar que iso son palabras maiores, porque houbo reformas que se fixeron en poucos días, por exemplo cando se introduciu o límite do 3% do PIB no déficit público. Sendo verdade que necesita unha maioría de 2/3, o que é pouco doado de acadar. Porén a iniciativa retrataría a cada forza, e iría construíndo camiño. Hai quen di respecto da marcha de Juan Carlos que abrir o debate entre república e monarquía favorece ás forzas independentistas. Tan débil e cuestionábel é o Estado español que considera piares básicos a monarquía e o exército para a súa supervivencia?

    Outro aspecto que non é secundario e que responde ao ámbito da conformación da conciencia, é que co obxectivo de fortalecer a monarquía fíxose unha reinterpretación histórica por parte dos sucesivos governos, partidos e medios sistémicos, respecto de que Juan Carlos foi esencial para a transición democrática. Dándolle un papel determinante no fracaso do golpe de estado do 23-f. Agochando que a monarquía foi restaurada pola ditadura. Rebaixándose con este fin o protagonismo do movemento obreiro e das forzas soberanistas das nacionalidades históricas na loita clandestina contra a ditadura franquista; un proceso que deixou unha manchea de persoas encarceradas, feridas e mortas. Lembremos na Galiza ademais feitos tan recentes como as protestas estudantís de 1968, as folgas obreiras de 1972,...

    A transición evitou a ruptura democrática, e converteu en innecesario para o poder económico e a maioría do anterior réxime o golpe comandado por Tejero, daquela seu fracaso. Non se pode obviar que este intento viña precedido polos Pactos da Moncloa, que frearon a capacidade reivindicativa do movemento obreiro e dividiuno nos centros de traballo, e que xa se estaba xestando a LOAPA que limitaba as competencias e o carácter diferencial das nacionalidades históricas. Para aqueles que militamos contra a ditadura, cando escoitamos o 23 de febreiro de 1981 a intervención do Rei soubemos que o golpe estaba rematado. O tempo e a práctica aclarará cal foi o papel que cada quen cumpriu naquela acción, tamén o dalgunhas figuras socialistas.

    É un erro por parte de Pedro Sánchez que non abra o melón da monarquía, non só porque non é garantía da “unidade de España” senón porque máis cedo que tarde terá que eliminar o carácter inviolábel do Rei, en todo aquilo que non estea relacionado co cargo político. Ninguén pode estar por riba da lei, non ten xustificación, é propio da Idade Media. E cada vez resulta máis evidente, máxime nun mundo interconectado que fóra dos actos protocolarios o Rei non cumpre ningún papel necesario para o funcionamento das institucións. E cando asume un rol político, como por exemplo no discurso contra o pronunciamento de Cataluña, foi para abrir fendas e destruír pontes. A realeza é para os libros de historia, propia de épocas pasadas, de sociedades onde a participación popular non era determinante. Neste intre histórico tan complexo todo urxe por institucións participativas, reflexo da vontade cidadán, onde todos e todas temos dereito a ser elixidos para calquera cargo.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    Tema marcado como favorito