Firmas

Dereito de defensa

    • 04 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    XA van case 43 anos de Constitución. No artigo 24 regula o dereito fundamental de defensa, que inclúe a confidencialidade das comunicacións entre as persoas investigadas por un xulgado penal e os seus avogados. Ou o que é o mesmo, o segredo profesional, dereito e deber á vez, garantía que podería soar a obviedade se non fose porque no pasado costou literais “sangue, suor e bágoas”. O dereito de defensa é unha das claves da diferencia entre unha Democracia e un sistema político totalitario.

    É dicir, nas democracias está prohibido interceptar ou intervir as ditas comunicacións, salvo caso de indicios fundados, obxectivos e motivados da comisión de delitos por parte dos avogados correspondentes.

    Tamén significa que será o xuíz instrutor o obrigado a garantir ese dereito fundamental de defensa dos investigados, incluída a confidencialidade do segredo profesional cos seus defensores. Cónstame que as persoas que integran o Poder Xudicial teñen estudado e entendido o artigo 24. Ergo, saben o que supón espiar con específicos aparatos de escoita e interceptación esas conversas confidenciais para utilizalas despois.

    No meu anecdotario persoal lembro a dous axentes que non saían do cuarto onde estabamos eu mesma e o detido ao que me tocara asistir un día de garda polo turno de oficio. “Aquí hay unas normas”. Quizais non tiveran a oportunidade de ler o artigo 24, así que, ilusa eu, citeillo.

    Calquera compañeiro faría o mesmo. É unha obriga que, se non dera resultados no momento e non se tiveran marchado para a nosa entrevista reservada, me levaría aos tribunais, incluso ata o Constitucional en recurso de amparo e ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por vulneración de dereitos fundamentais.

    De seguro estarían de acordo todos eses órganos xurisdiccionais, pois ese artigo é piar do noso sistema democrático. O que non penso que fixera, no caso de que o TC desestimase o meu amparo e o TEDH inadmitise o meu recurso, sería acudir ao Comité Asesor do Consello de Dereitos Humanos da ONU.

    E non é porque eu non crea na ONU, que creo, senón porque ese Comité fai labores de asesoría, é un órgano político e as súas observacións (que non ditames) non teñen valor xurídico algún. Os seus compoñentes son 18 persoas con formación en dereitos humanos, mais non necesariamente experiencia xurídica, non pertencen ao Poder Xudicial, son designados directamente polos Estados (aconsello repasar o listado) e non se rexen polos principios de independencia nin de imparcialidade xudicial.

    En aras da Xustiza, mellor non volver a métodos inquisitoriais que destrúen o dereito fundamental de defensa. A Democracia costou demasiado neste país para andar a xogar con ela.

    Tema marcado como favorito