Firmas

Desfrutando das pequenas cousas...

    • 14 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    AGORA que se achega o verán e que veñen as vacacións, cando temos diante ese tempo no que en anos anteriores faciamos viaxes a outros países, con saídas programadas con tanta antelación (voos, hoteis, excursións, rutas...), toca quedar algo máis cerca. Podemos viaxar? Si a algúns destinos. Apetece aventurarse coma antes? Eu polo de agora non me animo, non me resulta atractivo por incrible que sexa o destino. Hai moitos puntos da xeografía en mente que quixera coñecer, pero creo que van ter que esperar un chisco.

    Quero poder desfrutar da viaxe coma antes, moverme con tranquilidade e agora, por riba de todo, con seguridade. A situación actual non me ofrece toda a confianza necesaria. Pero quedar sen coller un avión non significa estar enclaustrados entre catro paredes... hai tantos recunchos da nosa terra sen coñecer! Temos lugares marabillosos por descubrir mesmo na nosa provincia, e dende logo na nosa comunidade autónoma, e este pode ser o mellor momento para darlles unha oportunidade, para poñer de novo o noso en valor. Temos moito que desfrutar das pequenas cousas que nos rodean. No mar e na montaña. Por que non aproveitar este momento para coñecer máis de nós mesmos como país? Eu vouno intentar!

    Ás veces facémonos preguntas que, aínda que non o pareza, poden ter unha resposta sinxela... Como desfrutar das pequenas cousas? Que é o que en realidade nos dá a felicidade? Pode ser escoitar a voz da xente que queremos, oír as cancións que falan de nós mesmos nalgún intre da nosa vida e coas que nos identificamos, camiñar despois dun día de tormenta sentindo o arrecendo da terra... Pode que o que nos faga estar ledos sexa reencontrarnos tempo despois con alguén do pasado que nos fixo sentir que o mundo era un agasallo marabilloso que degustar bocado a bocado ou volver mirar as fotografías daquel outono con arrecendo a castañas que deixaba atrás un verán de muxicas nos ollos e sabores doces. Brindar cunha copa de albariño ou de rioxa, compartir unha mariscada ou celebrar con sentidiño a noite de San Xoán.

    Este ano sabemos que, coma o pasado, o verán non vai ser igual que os anteriores á pandemia. Pero se facemos as cousas ben, se coidamos as distancias e a vacinación avanza, pode que poidamos desfrutar un pouco. Para ser felices non fai falta cometer loucuras que poidan poñer en perigo a nosa seguridade e a dos demais.

    O feito de ver como sae o sol cada mañá, como nacían as margaridas nos campos e como florecía a primavera mentres o noso sorriso se ocultaba detrás da mascarilla, comprobar como medran os tomates e os pementos na horta... son cousas que debemos valorar e desfrutar. Gozar da brisa que agarima a nosa pel ao conducir o noso coche coa fiestra baixada, sentir como o olor a herba acabada de cortar nos conecta coa natureza, aproveitar a sombra dalgunha árbore para durmir a sesta nunha hamaca ou darnos un baño na praia mentres os raios do sol nos agariman a pel... son cousas marabillosas que nos fan sentir vivos.

    E agora é iso o que necesitamos. Despois dun duro ano de traballo, unhas merecidas vacacións. Para recargar as pilas e mirar a vida con outros ollos, cos da esperanza nun futuro libre de medo. Quen me acompaña nesta viaxe ó desfrute dos sentidos e das pequenas cousas? Lembremos a Horacio e a súa Oda á vida retirada, onde o tópico do beatus ille quedaba perfectamente reflectido. Comezaba así:“¡Qué descansada vida / la del que huye del mundanal ruido, / y sigue la escondida / senda, por donde han ido / los pocos sabios que en el mundo han sido!”

    Tema marcado como favorito