Firmas

Despois do discurso

    • 29 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Nunca escribo con arrouto sobre temas, digamos, delicados, tal vez porque non me teño por persoa de indignación fácil. Para o tema que me ocupa, axudou que entre o discurso do rei Felipe VI e o momento de escribir estas liñas houbese tres días de festa (o 26, San Estevo, foi festivo en Cataluña), circunstancia que sen dúbida axudaba a meditar antes de poñerme a escribir diante do computador.

    Ás nove da noite do pasado 24 estaba sentado diante do televisor á espera de ouvir e ver o discurso real. Non esperaba grandes revelacións, vistas as anteriores reaccións –sempre mornas- da Casa Real ante feitos que serían merecentes dalgunha explicación, por pequena que fose. Malia os cambios de planos –nunha suposta axilidade que deixaba evidente a impostura xeral da alocución- o discurso comezou, seguiu e rematou cunha monotonía que parecía querer enviarnos ao leito sen cear (situación grave para aquelas terras onde a Noiteboa é a principal destas festas).

    O tema central foi a situación causada pola Covid-19 e os retos que temos coma sociedade. Foi un dálle e dálle como si nos estivésemos informados dabondo da situación que están a pasar milleiros de familias que perderon ou están en risco de perder traballos e negocios. Unha alocución de ruxerruxe cunha referencia ás ausencias que moitas familias teñen nestes días de festa, como se a súa (a real) non as tivese e por razóns distintas ás motivadas pola pandemia.

    Seguiu, dentro desa monotonía, cunha referencia á constitución como punto de reencontro entre os españois despois dun longo período de enfrontamentos e divisións. Non, señor rei. A constitución vixente foi o resultado entre as forzas reformistas que emerxeran do réxime e a oposición democrática pero despois dun período de corenta anos de ditadura, de imposición dunha minoría por riba da maioría, e sen non o entende, temos un problema.

    Un discurso que chegara precedido por unhas imaxes das actividades realizadas polos monarcas neste 2020 que remata, que incorporaba a visita a Auschwitz en xaneiro para render homenaxe ás vítimas do nazismo, como se en casa non tivésemos vítimas da ditadura para lembrar, acción que nunca fixo Felipe VI nin, moito menos, o seu pai, o rei emérito (“esa persoa da que vostede me fala”, en palabras da ex presidenta do Congreso Ana Pastor).

    A esperada mención á situación de don Xoán Carlos I resultou, finalmente, un anaco de scherzo de violín: unha apelación xenérica ao necesario respecto por uns valores éticos que el xa se impuxo no seu discurso de ascensión ao trono. ¿Valores éticos? ¿Acaso a súa maxestade non era coñecedora antes do marzo pasado que o seu augusto pai dispuxera de fondos opacos en paraísos fiscais? Ou verbo da súa renuncia a calquera herdanza do seu pai –circunstancia legalmente inviable segundo o Código Civil antes da defunción do testador- ¿foi casualidade que se comunicase cando a noticia foi publicada por un xornal británico, e dous días despois que se aprobase o estado de alarma?

    Pero, ben, malia todo isto cómpre que sexamos prudentes á hora de poñer en cuestión a estabilidade da monarquía parlamentaria como marco para o réxime democrático. Incluso se aparecen sospeitas de non neutralidade política por parte do monarca. Querer acelerar o cambio a un marco republicano, cando a maioría do arco parlamentario (PSOE, PP, Cs, Vox) segue a dar apoio inquebrantable ao rei, pode levar a asimilar República a esquerda radical e nacionalistas e independentistas, co risco de encapsular aínda máis a coroa.

    Forzar a caída da monarquía a medio prazo podería levar a non saber que facer coa constitución, co risco que a que a substituíse fose máis centralista. Son do parecer que postos a apostar pola substitución do sistema monárquico por outro republicano vai precisar paciencia. Paciencia para deixar que sexan as propias contradicións da familia real –dun xeito ou doutro as finanzas opacas do emérito ausente pasarán factura- as que actúen de cuñas para debilitar a consistencia da coroa. Haberá que ver canto lastre terá que soltar, porque unha caída maior de don Xoán Carlos I podería arrastrar aos partidos que lle dan apoio, que daquela terían que situarse de maneira diferente ante un eventual cambio de réxime.

    Joaquim Ventura

    Tema marcado como favorito