Firmas

‘Desvendados’, exercicio, impagable e insólito

    • 17 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    HAI moitos anos, moitos xa, un médico nunca pasaba desapercibido nunha das nosas cidades. Hoxe, como non se poña a bata branca ou se vista de verde, deixando colgar o fonendoscopio do seu colo, non digo xa na rúa, pero nin os máis dos seus compañeiros se aperciben da súa condición ó seu cruzar con el polos longos tránsitos dun hospital calquera.

    Hai moitos anos, moitos, cando a condición dun médico era a mesma de hoxe, pero distinta a sociedade, había médicos humanistas que aquela sociedade valoraba en grado sumo e que non poucos dos seus iguais envexaban sabiamente. Razón non lles faltaba. Ese humanismo, implicaba as xustas doses de humanistarismo que o achegaban ó enfermo, de xeito que o enfermo agradecíao resaltando a súa faceta humana, en non poucas ocasións, por enriba mesmo da profesional. A palabra, por se alguén o esqueceu ou por se alguén o vai esquecer nestes tempos de pandemias e consultas por vía telefónica, a palabra dicíalles, tamén cura. Non o dubiden. Tanto pode curar unha palabra como matar outra e inoportuna.

    En Galicia temos contado con non poucos destes médicos; uns foron morrendo, outros aínda viven e escriben nos xornais como é o caso do doutor Sánchez-Salorio, pero tamén contamos con outros que a sociedade actual non resalta na medida na que antes o facía con aqueles que os precederon. Hai uns días, luns pasado se hei ser exacto, presentei o libro dun destes médicos. O libro titulase Desvendado e ven de ser editado por Galaxia. No dicionario galego de termos médicos non aparece este de “desvendado”, no da RAG tampouco; no de Don Eladio Rodríguez, ese no que o galego é mais enxebre e certo que en calquera dos máis que se levan feito, nese si ven o termo “desvendar”, quitar a venda que oculta a ferida, di que é como debe ser entendido.

    Coñezo ó autor do libro, ó doutor Manuel Pombo, dende o ano 1966 cando Carbalho Calero nos convocou a uns cantos poetas en cernes e il foi un dos convocados. Dende entón somos amigos e vimos mantendo encontros esporádicos, malia que sempre intensos, nos que falamos sempre das mesmas cousas e repasamos feitos que van dende aquela primeira oportunidade ou dende aquela outra ocasión do chamado “recital de mediciña”, nos que os de Voces Ceibes marcaron un fito; recital que el organizou coa sabedoría e prudencia que observadas nel sempre se nos antollan conxénitas, xuntas con outras dez máis que os anos nos foron deparando.

    Aínda non lle preguntei ó doutor Pombo, catedrático de mediciña e escritor, ou viceversa, se o título do libro se acolle definitivamente ou non á definición de Don Eladio. Pero teño pra min que esa é a válida. O libro, no que se alternan a consideración, a definición ou as suxestións que aboian co uso de cada palabra, de cada unha das que el recolle e de cada unha das citas de grandes autores coas que as acompaña –este home debeuno ler todo– pra ir así perfilando o cadro dunha sociedade que se foi e da que todos vimos; e máis tamén o desta que está sendo e que nos leva camiño aínda non se sabe moi ven onde. Ese desglose léxico, déixenme que lle chame así, contraponse con capítulos sucesivamente numerados que el titula autoretratos, así o autorretrato 1, o 2, o 3... e seguido ata o 105 e un máis e final do que igual aínda nos da tempo de falar.

    Case se podería afirmar que o que o escritor nos ofrece é unha colección de aforismos que nos desvelan a súa vida e a súa persoa coa ironía dun Swift ou a aséptica crueza dun Lichtenberg, salpicadas acó e acolá co humor de Stawnislav Lec ou a crúa bonhomía, tantas veces cruel, dun Cioran galego.

    Desvendados é un exercicio, impagable e insólito, de exposicións de feridas ó tempo que de remedios prá dor que todo vivir conleva. A penas comezado, xa na páxina 16 confesa “a miña muller represéntao todo para min. Creo que a miña muller é a única persoa que me ten agarimo de verdade, descoñezo as súas razóns”. Logo, de vez en cando e antes de confesións dunha dureza insólita –“cando o meu pai faleceu, a miña nai demostrou unha frialdade que non esperaba e, a min pareceumo, unha agradable sensación de verse libre”, paxina 227– retoma o fío matrimonial e afirma “Creo que a miña estabilidade matrimonial, que co paso dos anos se foi consolidando, me axudou de forma definitiva a ser feliz e a non perder o tempo”. Vaian estas como exemplo desta desvendaxe persoal. O resto é ironía, humor, crueza, do tipo que ten antecedentes nos autores que xa se citaron ou aínda noutros como o que o arrima a Spinoza, a Thoureau ou ó mesmo Walt Withman.

    Tema marcado como favorito