Firmas
ENQUANTO HÁ FORÇA

Desviando o curso do Guadalquivir

    • 24 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Non chegou aos niveis que acadou o socialista Rafael Escuredo nas primeiras eleccións andaluzas hai corenta anos. Faltáronlle oito escanos e nove puntos de porcentaxe. Aínda así, e tendo en conta as circunstancias actuais, a fazaña electoral do popular Juanma Moreno conseguindo maioría absoluta no parlamento andaluz o pasado 19 de xuño, ben pode compararse con aquel cambio do curso do Amazonas, “vaticinado” por José Quiroga, que se levou por diante a hexemonía da UCD en Galicia, nas primeiras eleccións autonómicas galegas en outubro do 1981, un ano antes de que os centristas se afundisen en toda España. Nestes tempos de resultados raquíticos e de alianzas en tensión permanente, o triunfo rotundo do Partido Popular no maior feudo electoral socialista ven de producir a lóxica euforia nunha formación que hai catro meses estaba a punto do naufraxio político, co seu presidente defenestrado polos baróns territoriais.

    Con respecto aos resultados das eleccións do 2018, o PP gañou agora máis de oitocentos mil votos e Vox, case cen mil. Todos os demais perderon, o que máis Ciudadanos (máis de medio millón de votos). Os socialistas perderon case cento trinta mil votantes e as dúas forzas á súa esquerda, máis de cento trinta mil. Mesmo houbo 190.000 abstencionistas menos e ate uns sesenta mil votos nulos e brancos menos. Hai un pouco máis dun millón de votos “perdidos” neste reconto, que pode coincidir -cando as cifras se axusten definitivamente- co case un millón de novos votantes que suman as dereitas.

    En realidade, o PSOE e as forzas á súa esquerda xa viñan resentíndose do afastamento progresivo dos seus electores habituais, como xa se demostrou nas eleccións do 2018. Entre os casos de corrupción duns e as divisións cíclicas dos outros, eses electores tiñan motivos para quedarse en casa ou para buscar outra opción. Posibelmente Ciudadanos beneficiouse dunha parte dese electorado hai catro anos, pero a imaxe que ven arrastrando este partido desde que Albert Rivera o rebentou no 2019 non lle permitiu aproveitarse agora da súa xestión no goberno bipartito. Todo o beneficio deses transvases de electores desencantados recolleuno Moreno, que, na liña de Núñez Feijoo cando era presidente da Xunta, coidou unha imaxe de líder moderado e bo xestor, ben adobada polos medios de comunicación afíns (a inmensa maioría, que xa se sabe que as esquerdas teñen moi mal cuberto ese flanco).

    As esquerdas quéixanse de que o adianto electoral lles pillou desprevidos, pero esa dinámica de adiantos empezou hai xa un ano na Comunidade de Madrid (despois do fracaso da moción de censura de PSOE-Ciudadanos en Murcia). Os socialistas tardaron tres anos en relevar a Susana Díaz e as esquerdas alternativas pasaron a maior parte da lexislatura en divisións internas no seu grupo parlamentario de 17 deputados (dos que agora quedan cinco nun grupo e dous noutro) e unha das coalicións presentada agora rematouse de montar no último minuto e coas firmas dalgúns dos seus membros fora de prazo.

    Con tanta improvisación, non foi estraño que a campaña das esquerdas xirase en torno ao medo de que Vox entrase no goberno autonómico. Curiosamente, tanto medo sementaron que un millón e medio longo de electores, á vista das imaxes que uns e outros ofrecían, se inclinaron por facer de Moreno o Macron andaluz que, desviando o curso do Guadalquivir aos socialistas, pechase o paso á Marine Le Pen censada en Salobreña.

    Xosé A. Gaciño

    Tema marcado como favorito