Firmas

E despois do Apóstolo, que?

    • 25 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    SANTIAGO, na súa tripla vertente europeísta, autonómica e local, está convocada hoxe a acoller o ritual de celebracións que, con maior ou menor esplendor e aínda con alteracións intolerables por atentar á esencia mesma dalgunha delas, van debullándose coa cadencia a que obriga o calendario anual. É o obrigado tributo a un pasado de relumbre ao longo de séculos nas peregrinacións, de homenaxe aos Precursores do Rexurdimento na reivindicación patriótica e de nostálxica memoria lúdico-festiva que mestura, en serena e cívica harmonía, as rúas compostelás de peregrinos, activistas e feirantes.

    E despois do Apóstolo, que?

    A pregunta antóllase pertinente en canto pretende indagar as potencialidades de presente e futuro que ten esa relembranza do pasado, frustrante por melancólica, inoperativa por esclerotizada e reducida ao ámbito do protocolario, de cumprir o expediente.

    Se o feito peregrino redúcese dende o oficial á inercia cuantitativa –na megalómana teima de superar récords– e cunha visión cada vez máis vencellada ao laico e ao lúdico que nin sequera serve para favorecer o protagonismo de Compostela como meta cultural de Europa, a vindicación patriótica dilúese entre un BNG en irredento peregrinaxe á súa idealizada Ítaca e unha Xunta que abandonou desde a Preautonomía a celebración do que segue sendo o Día Nacional de Galicia para substancialo nunha por veces seriamente cuestionable entrega de distincións.

    Pero a realidade social paralela a ese tempo de celebracións mostra, pola contra, un país que segue desangrándose demográficamente, cun irrefreable abandono da man de obra agrícola en contraposición ao que sucede no resto de España, coa industria en caída libre, o sector financeiro desaparecido, o sector acuícola freado mentres segue o peche de caladoiros, o impulso á e-Administración nun país de analfabetos dixitais e o capital intelectual da mocidade en rediviva emigración.

    Namentres, a realidade política discorre entre raquíticas e cortoplacistas subvencións que non fan senón apontoar a asentada idea dun país subsidiado onde cada migalla saúdase coa euforia dun benvido Mr. Marshall esquecendo que as esixencias burocráticas farán imposible a pretendida regalía. Absortos na súa quimérica realidade de pretendida transcendencia, Xunta e Parlamento entretéñense na inmediatez das dádivas ocurrentes, a unha, e no engorde, os outros, de leis que contradin na exposición de motivos o propio articulado e que non fan senón coartar canto de iniciativa, empuxe e risco proponse a sociedade civil, inasequible ao desalento de tantos inconvenientes e marxinacións oficiais.

    E despois do Apóstolo, que?

    A celebración da festa do Apóstolo é sentida polo pobo galego desde tempo inmemorial como algo próximo e de pertenza, de confraternidade e de reivindicación do propio. Corenta anos de autonomía, de autogoberno e orzamentos propios, de profunda transformación e modernización de infraestruturas polas axudas europeas, de predominio hexemónico da lingua na Administración e, con todo, seguimos xaxúns dunha idea forza, dun camiño que canalice as potencialidades do territorio e quen o habita, dun plan ben armado que sitúe a Galicia entre as comunidades de maior desenvolvemento e progreso.

    E despois do Apóstolo, que?, acaso co poeta, “Galicia ferida en sono e sombra”.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.