Firmas

Escusas por milleiros

    • 26 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    ESTAMOS na época dos expertos, de todo, de algo ou de nada. Aquel que vostedes coñecen, experto en “dimes e diretes” foi ao hospital de referencia e atopouse con escusas en tódalas portelas de atención ao público e en tódalas portas nas que chamou. En todas lle presentaban pretextos perfectamente construídos e absolutamente irreais, baseados todos eles na COVID-19, no bicho vírico que segue esnaquizando a convivencia veciñal, en tódalas partes deste e de aquel outro mundo.

    Escusas servís dos que mandan e poden seguir dominando, impunemente e sen vergoña, a aquelas xentes que teñen que calar, e calan, para comer e poder darlles de comer ás súas crianzas. Fan o que lles parece, o que lles interesa a eles e ás súas catervas. E alegan razóns que son sinxelamente coartadas de “engana bobos”. A situación actual é propicia para o triunfo dos camanduleiros e dos paduáns que aloumiñan unicamente o exterior do seu propio bandullo e, sen acritude, contribúen ao deterioro das institucións públicas. Seguen as directrices marcadas e acabarán cando acaben con todo o que é de todos.

    Ese bicho, que veu e anda polos aires repartindo mal e medo, converteuse en escusa eficaz para aplicar a inacción en tódolos ámbitos, en tódalas profesións, en tódolos saberes e no mundo enteiro. Todos quietos e parados!, ata que nada sexa igual nin parecido e, por certo, respecto á pandemia e aos seus froitos amargos.

    Escusa perfecta para ser e non ser ao mesmo tempo; para retroceder e avanzar, segundo conveña ao director de márketing, ao patrón da nave, ao director ocasional ou a quen preside a tolemia xeral. Aqueles que teñen unha ou moitas oportunidade de corrixir e non o fan, serán os responsables do fracaso, dese que está petando na porta ou entrando na casa pola parte traseira.

    A administración obriga aos cidadáns a ser titulares de conta ou contas bancarias e os bancos pechan e impoñen unha cota por xestionar o que os clientes xestionan; os médicos diagnostican polo que lles contan e estenden receitas para coidar da saúde da veciñanza e da sociedade enferma; os profesores recíclanse como locutores e fan o que poden, o que lles deixan. Efectivamente, como di a Tía Manuela, “non hai formación, nin razóns, nin interese xeral, pero escusas, cadaquén ten as que queira, milleiros para cada ocasión”.

    Tema marcado como favorito