Firmas
ENQUANTO HÁ FORÇA

Gañador, porcentaxes e marmota

    • 18 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Pese a que en España, e en cada unha das súas comunidades autónomas, o procedemento para elixir aos presidentes de goberno é a través dos respectivos parlamentos, nos medios de comunicación séguese a dicir que a lista máis votada gaña as eleccións, aínda que non teña maioría absoluta de escanos, que é a única maneira de gañar unhas eleccións directamente. Todo o que non sexa iso é só cuestión de posicións de saída máis ou menos favorábeis cara á auténtica vitoria, a de formar goberno.

    Precisamente en Cataluña, onde ven de renovarse o seu Parlamento, xa vimos en que quedou o triunfo electoral no 2017 de Ciudadanos, cuxos 36 deputados non tiveron a menor relevancia na tormentosa lexislatura anterior. E veremos a que pode ter o “gañador” das eleccións de agora, o Partido Socialista de Cataluña, que, de momento, pode sentirse satisfeito de ter recuperado o posto destacado que sempre tivo na política catalá, pero sen moitas posibilidades de repetir os tripartitos de esquerda de non hai tanto tempo (inmediatamente antes de que comezase a carreira independentista).

    Outro costume fixado nas informacións sobre resultados electorais é o das referencias ás porcentaxes de votos obtidos por cada unha das formacións políticas, supoño que por economía de tempos e espazos nos diferentes medios. Resulta máis curto dicir ou escribir que todos os partidos independentistas sumaron esta vez un 50,8 por cento dos votos emitidos que referirse ao total de 1.435.876 votos (que ademais é unha cifra que vai cambiando continuamente a medida que se vai rematando o escrutinio). Pero resultaría informativamente máis preciso reflectir que, aínda que superasen o mítico 50 por cento subliñado en clave plebiscitaria, as forzas independentistas perderon agora máis de seiscentos mil votos dos máis de dous millóns que recolleran no 17, cando a súa porcentaxe quedara por debaixo da metade dos votantes (nun 47,49 por cento exactamente). Pode que o medo á pandemia non explique toda esa deserción nun sector do electorado especialmente sensíbel e presuntamente motivado pola causa fundamental da independencia.

    A pesar do cambio de Ciudadanos polo PSC no posto do máis votado (que algúns cren que achega algunha posibilidade máis de diálogo), a política catalá non deixa de provocar outra socorrida metáfora mediática, a do cinematográfico día da marmota. Xa o vimos na propia noite electoral, cando o principal candidato independentista (e probábel “gañador” real) anunciaba os puntos básicos para pactar con alguén: amnistía e referendo de autodeterminación.

    Como diría a veterana actriz Luise Reiner, anunciando no 1983 o premio Oscar á película de lingua non inglesa, e que xa é outro tópico mediático: “Volver a empezar”.

    Xosé A.Gaciño

    Tema marcado como favorito