Firmas

Gastérea

    • 23 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    OS tempos de pandemia e confinamento traen saudades gastronómicas. Por iso se agradece que este ano nolo veña aliviar non só o centenario de Emilia Pardo Bazán, inspirada gastrósofa, senón tamén Álvaro Cunqueiro, de quen neste próximo febreiro cumprimos sen el corenta anos de soidade. De xeito que, coa compaña de dona Emilia e mais don Álvaro, estes días xa teñen outro sabor.

    As horas de revolución e peste adoitan ser un pouco anafroditas (segundo matinaba o ilustrado Brillat-Savarin, deus da gastronomía moderna), e por iso máis ca nunca debemos manternos fieis aos amores culinarios de sempre, por exemplo a divina lamprea, que agora está en tempo e lume. Ela foi a derradeira saudade de Cunqueiro: “Os meus achaques non me deixan ir comer a lamprea”, choraba no seu penúltimo artigo (24 de decembro de 1980).

    Don Álvaro foise invocando estas dúas musas: a Paula (a campá da catedral de Mondoñedo) que quería levalo ao ceo, e a lamprea que o prendía á terra. Entre esas dúas naturezas –o espírito e a carne– está o sabor do bocado da vida, da erótica do vivir.

    Que fermoso e inmortal aquel seu parágrafo (Viaje por los montes y chimeneas) no que conta como el e uns amigos “tomamos por asalto un bosque en otoño” para xantar ao pé dun castiñeiro: castañas nas brasas, perdices ao espeto, un merlo a cantar nunha póla, unha campá a tocar non lonxe... “Todo entra en el bocado”, suspiraba o escritor.

    Agora nas nosas michelínicas mesas xa non se leva tanto o prato cunqueiriano de sabor total. Non sei que diría don Álvaro da filosofía da nosa cociña de hoxe, que nos dá a elaboración máis primorosa de todos os séculos, pero a base de presumidos “produtos sostibles” (expresión que non me abre moito o apetito). Nestes tempos, se cadra está ben comer nun “laboratorio creativo”, pero hai que manter a devoción polo bocado/pecado da nosa tradición e pola sensualidade de Cunqueiro.

    Nese sentido, e como degustación nostálxica, agradecemos a inspiración televisiva dese programa (farturento de estrutura e sabedeiro de temática) das gulas da nación: As batallas. Detrás deste belicoso nome atopamos unha pacífica suxestión cunqueiriana das nosas xentes de aquí e de acolá, dos “produtazos” (como lle gusta dicir a Gerson Iglesias) do edén galaico e dos sabores de pecado que nos redimen. Un mel feito para as mellores bocas (sempre poucas).

    Por ser este ano de tanto castigo, deberiamos empeñarnos na procura cunqueiriana do sabor do vivir, que sempre é aspiración superior ao cínico e gobernante saber vivir. Son tempos duros, pero Gastérea (a musa da mesa) está da nosa parte.

    Tema marcado como favorito