Firmas

Leccións olímpicas

    • 28 ago 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    NOS primeiros Xogos Olímpicos (776 a.C.) só participaban atletas dos estados-cidades gregas, adquirindo tanta importancia que para que puideran desprazarse a Atenas declarábase unha tregua olímpica. Despois de séculos sen celebrarse, grazas ao barón de Coubertin, recuperáronse no 1896, collendo cada vez máis forza ata globalizarse.

    As olimpíadas son unha oportunidade de unir os diferentes países a través do deporte. Coincidir nun evento destas características, crea lazos entre os participantes e os millóns de persoas que os seguen con paixón, admirando as súas xestas con independencia da súa nacionalidade.

    O paralelismo existente entre o deporte e a vida é algo que temos interiorizado dende cativos. Conseguir unha medala é produto da ilusión e a tenacidade. Para ter opcións a elas, non basta adestrar uns meses. A esixencia é tan alta, que hai que facelo cada un dos 1.460 días anteriores. E iso, sen a garantía de acadalo por non durmir ben a noite anterior, un traspé ou non ter ben atada a zapatilla. A máis, un bo deportista xoga limpo, respecta ao rival, sabe perder e nunca baixa os brazos cando fracasa.

    Como en toda olimpíada, en Tokio puidemos ver unha morea de cousas bonitas. De actitudes que axudan en todos os eidos da vida. Como a que amosou Simone Biles, quen renunciou a participar en cinco probas porque nalgunha delas elévase ata os tres metros de altura e ao saltar na primeira -debido á presión de obter 5 ouros- non sabía onde estaba. Algúns dixeron que non sabía perder pero non é así, pois nesa situación seguiu adestrando en colchonetas de espuma e animando as súas compañeiras sen parar; e na proba barra de equilibrios na que participou ao final –a menos perigosa– revalidou a medala de bronce de Río.

    Á medala de Teresa Portela en K1 200 m. é outro exemplo de tesón. Despois de ter participado en cinco xogos, quedando na 4º, 5ª e 6ª posición, aos seus 39 anos, nestes acadou a prata. O “mami, trae unha medala” que lle dixo a súa filla cando partiu de Cangas, xurdiu efecto, despois de clasificarse nunha semifinal moi difícil.

    A medala de Ana Peleteiro en tripla salto tamén é doutro mundo, pois na final tivo que bater non unha, senón dúas veces, o récord de España para levarse o bronce; e foi quen de facelo. A súa mensaxe pouco despois de saltar 14,87 m. é todo un exemplo de superación: “os 15 metros están aí, non me quero acomodar”. Lección deportiva, lección de vida. Como a medala de ouro compartida de salto de altura (2,37 m.), na que os atletas de Qatar e Italia quedaron empatados despois de dúas horas, e acordaron compartir o título; o cal provocou un gran aplauso, pois compartir é gañar dúas veces.

    Tema marcado como favorito