Firmas

Leña de outono

    • 17 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A mellor publicidade é un quérote. Unha declaración de amor é o que máis vende e é o que dá máis audiencia. Por iso nos deixamos querer pola tele Galega, que estes días nos dá este cariño estacional: “Queda con nós este outono”. Hai nel algo da “dulce leña otoñal” a arder no fogar. No fogar de Luar, por exemplo. Porque “o programa de Ghayoso”, como lle chamamos os vellos, guinda un chisco desa suxestión afectiva que nos cativa cos cantares das pandereteiras e os encantares das presentadoras, ese eterno feminino de nación.

    E, para máis gozo, a semana pasada apareceu Al Bano a cantar un andar miudiño en galego moi feituco, redondeando esoutra emoción outonal que é a vendima. Fino catador é este cantor. Dixo que o primeiro que se saborea nun albariño é a fermosura da palabra albariño. O italiano deixounos o galano dun ti voglio bene en harmonía coa quentura do marketing da galaica pantalla.

    Na nosa tele a única que sufre ás veces un desamor é a gramática. Non nos seduce nada (á hora dunha cita sentimental) esta hórrida sintaxe: “Queda con quen che quere”. Ese che (o meu pronome favorito) non está no seu sitio. E neste punto xa pasamos de Al Bano a Raphael: ese che é un escándalo (es-cán-da-lo!). Viña sendo de primeiro de filoloxía aprender o que é unha estrutura transitiva co seu debido implemento, pero agora seica moitos titulados xa non saben o que é un complementiño directo.

    “A gramática era unha manía do franquismo; na democracia non fai falta”, díxome nunha ocasión un poeta-filólogo nacionalista. Por certo que esa raparighiña tan simpática do Dígocho eu (que guinda sentenza contra os descoidos e desafectos que cometemos co idioma) debería empezar pola casa: non se di “Queda con quen che quere”; dise “Queda con quen te quere”.

    Salvemos ao soldado che (tan nacional e identitario) da peneira panlusista, pero non o poñamos a disparar contra a nosa sintaxe. Non rebaixemos o galego a galetrapo, non descendamos do soño ao sono, como fai Luis Piedrahita cando nos ameaza cun programa na Galega que disque vai ser “un sono que faise lenda”. Mimadriña, que gramática!, que es-cán-da-lo raphaeliano! Hai que controlar a fala de certos produtos mediáticos porque a xente desaprende galego mirando os espellos e pantallas dos deuses.

    Pero sempre nos quedará Al Bano. Empezan a caír as primeiras follas douradas da viña e el regálanos un andar/cantar miudiño, miudiño, miudiño... No entanto agradecemos a doce leña de outono na nosa tele, pero alguén tiña que dar algo de leña.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.