Firmas

Marinare la scuola

    • 03 ago 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    CHEGADAS estas calores estivais, o italiano, xa que logo, aprendíase ou perfeccionábase en Italia, en centros que ofrecían diversos programas durante o verán.

    Un alumno pechaba o curso aquí e matriculábase nun centro italiano que enchera as súas expectativas culturais: as principais estaban no centro de Italia: as universidades de Perusa ou Siena, pero tamén nas grandes capitais con dinámicas academias da sociedade Dante Alighieri como, por exemplo, as de Roma, Florencia, Milán ou Venecia ofrecían alternativas moi apetecibles, favorecidas como estaban por un marabilloso entorno arquitectónico e museístico.

    Pero deste entorno apetecible xa temos falado aquí non hai moito tempo e non convén esquecelo.

    Nesas primeiras leccións, algún día falábase do italiano no territorio, das súas peculiaridades; falábase do italiano na sociedade, influencia do dialecto, na clase, na familia, o dos medios de comunicación, o de conversa entre amigos, ou a propia xerga estudantil referida a exercicios, notas, descansos, exames ou...ausencias.

    Queremos referirnos hoxe, inaugurando formas particulares de expresarse en italiano mediante dialectalismos ou mediante expresivas xergas un aspecto moi colorido dese italiano do verán; ese termo auroral é marinare que os docentes querían evitar pero que a teimuda realidade chegaba por diversos camiños a discentes ávidos, non no de internarse nos rexistros da lingua, senón tamén explorar cidades e rexións circundante. E as veciñas.

    Un estudante santiagués situado en Perusa ou Siena acabaría irremisiblemente por ir a Florencia ou a Roma, ampliando a fin de semana, sen esperar ao Ferragosto, o cal se traducía en marinare la scuola que é como rexistran todos os dicionarios de italiano o noso “latar”, verba definida polo dicionario da Real Academia Galega no seu uso intransitivo: “Non asistir á clase ou a onde un ten obriga de ir”.

    Pon como exemplo “Latou ás clases” e dá como sinónimos “correr a escola”, “faltar”. Eu como falante preferiría un uso transitivo: “Latou as clases” ou simplemente un cortante, acusatorio “Latou”. Sen aire de xerga.

    Volvamos ao italiano de verán, a ese particular marinare. A palabra segundo o dicionario de Tullio de Mauro, insigne lexicógrafo do que tamén falamos aquí, xa se pode documentar en 1587 co significado de poñer carne ou peixe nunha mestura de vinagre, sal e especias para modificarlle o gusto, conservalo, etc.

    Como substantivo, no sentido de salsa, marinata é algo anterior (1540) e segundo os dicionarios franceses a verba apunta ó latín medieval e a Apicio, gastrónomo romano do século I, cando a súa auga de mar se usa cos mesmos fins. Mariner en francés parece préstamo do italiano.

    En castelán Corominas sitúa un marinar en 1519 sen aclarar significado nin contexto. O dicionario da RAE en liña e o Diccionari català-valencià-balear rexistran este significado como primeira acepción de marinar pero sen data. Os romances galego e portugués non precisaron do posible préstamo aténdose ós seus adobos ou adubos.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.