Firmas
ENQUANTO HÁ FORÇA

Medo á diversidade

    • 08 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Nesta difusa batalla dialéctica sobre mando centralizado ou responsabilidades compartidas entre as diferentes comunidades autónomas previstas na Constitución Española do 1978 (que moitos consideran sagrada e, polo tanto, intocábel), un pode botarse aos ollos titulares como “17 formas de ventilar a aula ou levar máscaras” (co sentido sobreentendido de que é un solemne disparate tanta diversidade) ou escoitar, antes do acordo final aparentemente unánime, a calquera conselleiro de Educación de calquera comunidade autónoma reclamar ao Ministerio de Educación directrices concretas sobre como empezar o curso escolar en época de pandemia (é dicir, pedir que lle digan como debe xestionar unhas competencias que son da súa exclusiva incumbencia).

    En realidade, creo que non hai tal batalla dialéctica sobre as vantaxes e os inconvenientes de cada un dos sistemas centralistas e dos sistemas descentralizados. Iso indicaría certo nivel de preocupación pola maneira de organizar politicamente a sociedade, que non é o caso. Con independencia de que, no fondo, hai moito centralismo oculto detrás dalgúns golpes de peito constitucionalmente autonomistas, parece máis ben que segue en pé o propósito dos principais partidos da oposición (Partido Popular e Vox, que mesmo anunciou a súa intención de presentar unha moción de censura neste mes de setembro) de aproveitar a pandemia para facer naufragar un goberno parlamentariamente fráxil (a súa base principal é que as dereitas de dirección estatal non suman por si soas e nin sequera co apoio de todas as dereitas periféricas, incluídas as dereitas nacionalistas de Cataluña e Euskadi).

    Quizais pensando que a maioría do electorado español non se preocupa demasiado polas sutilezas competenciais, a oposición non ten problema en xogar o papel de autonomista agraviado, se a pandemia se xestiona con mando único, ou en clamar pola necesaria dirección ou coordinación central, se son as comunidades autónomas as que teñen que tomar decisións sobre a xestión da pandemia nos seus respectivos territorios. O caso é concentrar a responsabilidade e as críticas sobre o obxectivo principal, o inimigo (Sánchez) que arrebatou o poder aos deuses. Un xogo, de centrípeto a centrífugo e viceversa, que busca zafarse de responsabilidades directas que poden ter repercusións electorais negativas, pero que responde tamén a certos prexuízos contra a diversidade, unha variante dos medos ancestrais ao diferente.

    O problema é que, chegados ao actual clima de crispación e obstrución permanentes, resulta difícil dar marcha atrás: calquera leve indicio de posíbel intento de pensar en que quizais se debería dialogar un pouco pode ser interpretado como unha debilidade ou, peor, como unha traizón. Así están os independentistas cataláns desde que Puigdemont desistiu de convocar eleccións anticipadas e se lanzou á aventura dunha declaración interrupta de independencia. Quizais é que hai que esperar a baixar a dez deputados, como Ciudadanos, para volver a ter sentido da realidade.

    Tema marcado como favorito