Firmas

Misión cumprida!

    • 29 ago 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O título de hoxe débollo dobremente a miña nai, Edita Cendón. Son quen de lembrala pronunciándoo no seiscentos nunha das voltas do Grove.

    As miñas primeiras vacacións, ás do 66, foron por prescrición facultativa. O doutor Don José Portugal era veciño e cliente do meu pai na xastrería e, unha visita para a proba dun traxe serviu para receitar unha menciña de menos de cincuenta pesetas, non estou moi valorada... e aconsellar un cambio de aires para aquela nena que non comía: quince días á praia e quince días á aldea. A fórmula maxistral resultou eficiente: celebraron que me empachara ao pouco de chegar!

    A miña nai asumía a súa misión cada ano facendo que gozásemos dela. Facía que fose unha aventura a viaxe diaria en bus á Lanzada cando o noso pai seguía en Ourense, facendo algún traxe de voda que non se podía adiar. O seiscentos era a canle para chegar desde Ourense á praia, e xogar a quen era o primeiro dos tres irmáns en ver o mar era un divertimento da viaxe. As vivencias destas vacacións foron compartidas con moitas familias, como a Dacosta Pérez ou a de Roberto Rodríguez Carballo, que temos evidenciado en valiosas fotos en branco en negro que retratan as cores do verán!

    Hoxe lembro as miñas primeiras vacacións para compartir con vostedes o saudables que resultaron. A covid-19 e o confinamento afectáronnos de xeito moi variado a cada persoa. Seguro que se o doutor Portugal puidese recoñecernos ante de comezar as vacacións, receitaría tamén cambios de aires xunto coa ansiada vacina que nos gustaría ter, e que nos vai a saír por máis de cincuenta pesetas, será unha inversión en vida!

    Todas as persoas que puidemos seguir traballando no confinamento precisamos descansar e desconectar para empacharnos de enerxía e poder volver a retomar o novo ciclo, que para os profesionais académicos ten forma de curso. Para volver a reiniciarnos en setembro, para remocicar, precisamos descansar. As vacacións serán unha cura para algúns e unha recarga de enerxía para todas e para todos.

    A piques de rematalas quero agradecer este ano a posibilidade de gozalas, de saborear o mar e o sol quince días, a dose de Don Luís, en Portosín, grazas á xenerosidade de Dolores Formosel, como no verán do 86 coa miña nai no Grove, pechando ese valioso ciclo vital de vinte vacacións na praia que compartín con ela.

    Os quince días na casa en Ourense completan a receita do cambio de aires. Agradezo os reencontros con máscaras, cheos de confianza, coas amizades que xa son familia, visitando ben guiada en Ourense e Lugo os espazos de sempre. Este verán singular convidounos a ver o noso con curiosidade de turista.

    Agardo que cando rematemos as vacacións poidamos emular á miña nai. Poidamos valoralas, se tivemos a sorte de gozalas, co convencemento de ter xerado a enerxía precisa para asumir un novo curso, no que coma sempre deberemos aprender novas leccións e repasaremos a derradeira do curso pasado de xestionar as incertezas. Deséxolles unha saudable misión cumprida!

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.