Firmas

O abandono duns plans de estudo que inducían á excelencia

    • 29 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    COIDO que xa terei comentado, nalgunha outra ocasión, que o meu irmán garda algúns dos libros cos que o noso avó, nado alá polo 1870, estudou o bacharelato. Impresiona follealos. A min, polo menos, impresióname. Cando eu fixen o meu no Instituto ourensán, que daquela coñeciamos como o d’O Posío, estudamos leis de física e química que foran elaboradas no século no que o meu avó veu a luz. Esas leis xa estaban nos manuais do bacharelato de finais do XIX. E así cantidade de coñecementos, tanto científicos como humanísticos, que de vagariño foron desaparecendo dos manuais de texto.

    Non é certo que cada tempo pasado fora millor ca estes nosos, nin moito menos. Cando rematabas o noso bacharelato elemental, aprobando unha revalida na que examinaban se realmente existían, se mantiñas no teu caletre, en plena vixencia, os coñecementos que adquiriras ó longo de catro anos académicos, dábanche o titulo de bacharel elemental e antepoñían ó teu nome un “don”, en minúsculas, que se habería transformar nun “Don”, en maiúsculas, cando, superado o sexto ano, aprobases unha nova revalida que che permitira acceder ó curso preuniversitario pra que, unha vez superado outro exame máis e se a economía familiar ou unha beca cho permitía, puideses ingresar na universidade.

    Hai países nos que se conservan estas cousas dos tratamentos. En Austria, por exemplo, onde desapareceron os títulos de nobreza que eiquí tanto conservamos, non hai demasiados anos, no caso de ser convidado a un almorzo, preguntábanche previamente se eras profesor, señor profesor, señor profesor doutor, ou que centellas eras. Según fose a resposta, según era o lugar que ocuparías ó te sentar á mesa. Ó millor os austríacos pasábanse, ou aínda se pasan, con este tipo de requilorios. Deixo á consideración do lector atento a opinión que poida merecerlle tal proceder. Cada vez que fun interrogado nese sentido, senteime onde me foi indicado e o que xulguei foi a calidade da comida que me serviran e máis o da conversa que me facilitaran. Como xa non vou cambiar, sigo nesas.

    Por aí adiante téñenlles costumes curiosos; por exemplo, en Rusia, cando hai un banquete con xentes diversas, sentan á mesa ó que eles chaman un brindador. Trátase dun personaxe, non elixido ó chou, que previo estudio dos comensais, cada vez que observa un silencio que se alonga en demasía, érguese, levanta a súa copa e brinda aludindo a un tema que poida resultar común á maioría dos comensais de xeito que o seu brinde provoque o reinicio das conversas e así o banquete continue transcorrendo pola canles consideradas idóneas. Podería contarlles o que sucedeu nun xantar no que nos sentaron a rusos que non falaban galego e a galegos que non falabamos ruso. O resultado consistiu en que o brindador cumpriu tantas veces a súa misión que, rusos e galegos, galegos e rusos, saímos de alí cunha boa talanqueira colectiva.

    Pero o que sucedeu na cidade dos zares ímolo deixar pra millor ocasión porque ónde se quería chegar non era a iso, senón ó que supuxo o abandono sucesivo duns plans de estudos que inducían á busca, a persecución da excelencia pra instalala, en debida forma, nas cabezas do alumnado. Unha excelencia que, en troques de ser utilizada, antepoñéndoa ó nome unha vez superada a condición de ilustrísimo señor, esa excelencia así adquirida puidese ser posta ó servizo da sociedade pra ila facendo millor día a día, ano tras ano.

    Xa me dirán vostedes se, á vista do camiño que levamos, perdendo día a día os vellos valores do Humanismo e da Ilustración, a nosa sociedade mellorou moito ou empeorou algo. Os centros docentes deviron en redutos nos que almacenar rapaces pra que non estorben mentres os seus pais traballan, os profesores (con eles o conxunto dos antigamente chamados profesionais liberais) pasaron a un segundo e a veces terceiro plano social pra que o seu lugar pasase a ser ocupado por coachts, influencers e demais gando da cabana nacional completada por tuiteros e instagrameros recorrentes, amigos do pensamento comprimido e administrado en pequenas doses non vaia ser que nos pasemos. O resultado? Este que vemos., a non ser que un pretenda se facer cego.

    Tema marcado como favorito