Firmas

O caso Odyssey

    • 10 dic 2022 / 00:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    NO marco dunhas xornadas que houbo na Escola Naval de Marín, Cesar A. Molina, Ministro de Cultura entre 2007 e 2009, falou da protección da arqueoloxía submarina centrándose no caso Odyssey. Pouco despois de que chegara ao ministerio, xurdiu o rumor de que a empresa Odyssey estaba realizando escavacións onde había un pecio (barco afundido) español, pero non se sabía cal era nin de que época. Sabíase que estaban escavando pero ninguén quería intervir; pois había dúbidas sobre se o buque que facía os traballos, ademais, pertencía ao servizo británico de intelixencia ou á CIA e investigaba sobre as telecomunicacións marítimas. Pouco despois a Garda civil identificou que o pecio era a fragata Nosa Señora das Mercedes.

    Primeiro comezouse pedindo a Odyssey que informara do que facía, quen contestou que non tiña porque por ser augas internacionais; o cal non é así porque un barco é da bandeira que leva. A máis deu informes enganosos.

    Como se trataba de defender o patrimonio do país, Molina decidiu demandala a pesar de que a maioría dos seus colaboradores non tiñan esa opinión.

    O xuízo era en Tampa (Florida) contra unha empresa que cotizaba en bolsa e tiña o apoio de moitos senadores demócratas. Odyssey tiña a tripla de presuposto que o ministerio e moitos non eran partidarios de demandala, pero ao final presentouse. Cando nos papeis de wikileaks apareceron as conversas do embaixador de EEUU e Molina, este quedou impresionado. A mais varios arqueólogos españois tamén presentaron unha demanda penal, á que se uniu o ministerio. Había que facer unha rogatoria a EEUU. A cousa foi ben e se parou a escavación, despois de que Odyssey intentara sacar o maior número de moedas de prata rompendo a nave.

    A fragata Mercedes foi afundida en fronte do Algarbe polos ingleses no 1804 en tempo de paz. Ao feito de ser un pecio español, uníase que levaba moitos civís (moitas mulleres e nenos) e era un cemiterio con familias descendentes das vítimas, atacadas sen avisar.

    Logo de poñerse a demanda, a empresa propuxo que se retirara, ofrecendo compensacións; pero non era Cousteau traballando para rescatar pezas arqueolóxicas para os museos senón para gañar cartos. Eran unhas 700.000 moedas, a maioría de prata e outras de ouro, valoradas en 500 millóns de dólares.

    Ao rematar o xuízo, no que a armada dos EEUU falou a prol de España, dous Hércules buscaron os canóns do barco. Cando Molina ensinou o expediente aos ministros da UE, todos apoiáronlle agás Gran Bretaña; e trasladaron a súa propia lexislación o que dixo o tribunal para que non se repetira esta situación.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.