Firmas

O centenario de ‘Nós’

    • 01 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    CELÉBRASE estos días na Facultade de Filoloxía da USC o centenario da revista Nós, co título Nós e o mundo. O mundo e Nós. Como non podía ser doutro xeito, trátase dunha das múltiples e merecidas homenaxes que ao longo deste ano están a ter lugar en diferentes provincias galegas dende diversas institucións.

    A Cidade da Cultura ofrece a interesantísima exposición Galicia, de Nós a nós, comisionada por Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, e que presenta visualmente o universo Nós, incluíndo, entre máis de 300 pezas, numerosos documentos relacionados coa fundación e o desenvolvemento da revista.

    Outra achega de inestimable valía e utilidade é a edición da revista en formato electrónico, que xa se pode consultar na Biblioteca Dixital de Galicia a través de Galiciana-Biblioteca BDG.

    Moitas outras entidades culturais de diferentes cidades galegas tamén están a lembrar o legado da revista e desa ilustrada xeración que entre 1920 e 1936 reflexionou sobre a identidade galega, a nosa lingua, e as nosas tradicións, ademáis de establecer pontes coas vangardas culturais europeas.

    Fundada por Vicente Risco, e ilustrada por Daniel Castelao, contribuíron aos seus 144 números os intelectuais galegos máis influentes do momento, asentando as bases dun galeguismo cosmopolita que non podería ser xa neutralizado nin polos acontecementos políticos que forzaron o peche da publicación en 1936.

    Todos os galegos somos fillos de Nós, como se está a recoñecer estos días na Facultade de Filoloxía a través de tres mesas redondas moderadas polos estudantes Daniel Durán Chapela, Iago González García e Xosé Xohán Rodríguez Rodríguez, nas que participan os profesores Margarita Santos Zas, Manuela Palacios, Inmaculada Mas, José Luis Forneiro, Henrique Monteagudo, César Domínguez e Carlos Quiroga; éste último autor tamén do fermoso cartaz que anuncia as xornadas, gravadas e transmitidas en directo, e que se completarán coa edición dunha publicación conmemorativa.

    A título persoal, é unha honra aceptar o convite dos organizadores, encabezados polo decano Elías Feijó e os vicedecanos Paulo Gamallo e Rosa Marta Gómez, para participar no evento. A miña aportación céntrase na pronta e lúcida recepción da obra do autor irlandés James Joyce entre os intelectuais de Nós, concretamente nas achegas de Vicente Risco e Otero Pedrayo, que aplaudiron a un escritor que por aquela época estaba a ser marxinado e censurado en Occidente.

    Hoxe en día o xenio e o legado do irlandés é recoñecido mundialmente, pero na Península foron intelectuais galegos como Pedrayo e Risco os encargados de materializar en numerosas contribucións na revista Nós, as primeiras traducións, ensaios críticos, e incluso pezas creativas nas que albiscaban o que sería, en palabras do escritor Suso de Toro, “a sombra do irlandés”, que ía mudar para sempre a nosa visión de conceptos como identidade, ser humano, linguaxe, historia, arte, cultura ou patria.

    Tema marcado como favorito