Firmas

O Levantamento de Pascua en Irlanda

    • 13 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Dentro duns días fará 106 anos que a povoación de Dublín ficou abraiada pola ocupación dos seus principais edificios por parte de patriotas irlandeses. O levantamento deuse en plena Primeira Guerra Mundial (1914-1918). Foron unas setecentas persoas ás que se lle engadiron nos días seguintes algúns centos máis, até os 1.200 aproximadamente. Non foi unha insurrección que contou con apoio de masas, xa que a maior forza política do país, o Partido Irlandés, apostaba polo dialogo con Londres e a Home Rule (autonomía), ademais 150.000 irlandeses estaban incorporados ao exército británico.

    Os que participaron no levantamento, do 21 de abril de 1916, eran militantes dos Voluntarios de Irlanda (IV) e do Exército Cidadán Irlandés (ICA), este último fundado por James Connolly perante a folga de 1913, para dar resposta á violencia policial contra os traballadores/as. A maioría dos efectivos do IV non se sumarían á insurrección, xa que o seu máximo xefe, Mc Neill, non estaba dacordo coa decisión. Os Voluntarios de Irlanda estaban infiltrados pola organización segreda Irmandade Republicán Irlandesa (IRB), que foi a que decidiu o levantamento. A IRB naceu no ano 1858, e realizou múltiples accións armadas contra os británicos coa finalidade de conseguir a independencia e a República.

    A insurrección, contra o esperado polos organizadores, ficou na práctica reducida a Dublín, onde os nacionalistas desbordaron axiña aos 2.500 soldados británicos. O 24 de abril leuse un manifesto no que se proclamaba a República de Irlanda, e que estaba asinado en primeiro lugar polo xefe da comisión militar do IRB Thomas J. Clarke. Como Presidente do Governo Provisional foi nomeado Patrick Pearse.

    Aos poucos días chegaron tropas desde a Gran Bretaña en número de 20.000 para reprimir o levantamento. Estaban dirixidas polo xeneral Sir John Maxwell, que actuou con toda dureza para dar unha lección exemplar. Utilizou os bombardeos masivos sobre as posicións dos nacionalistas, que o sábado 29 de abril víronse forzados a depor as armas. As tropas británicas tiveron 132 mortos nos enfrontamentos, un terzo eran irlandeses, e 397 feridos; os nacionalistas pola súa banda tiveron 60 mortos. Ademais houbo 300 mortos e 2.000 feridos entre os civís. O centro da cidade ficou estragado, especialmente o barrio de O`Conel Street.

    Os arrestados chegarían aos 3.500. Os Tribunais Militares xulgaron a 120 homes e unha muller (a condesa Markievicz), dos que noventa foron condenados a morte. O día 3 de maio comezaron os fusilamentos, o primeiro foi Pearce, que impresionou polo seu valor. Os últimos serían, o día 12 de maio, entre eles James Connolly que foi fusilado nunha cadeira porque estaba ferido, e McDermott, que tamén fora dos que planificaran a acción. En total foron 15 os axustizados, porque a opinión pública, que días antes recibira con palmas aos soldados británicos e insultaba aos nacionalistas cando eran conducidos á prisión, foi mudando até compadecer aos detidos primeiro e considerar como heroes aos insurrectos poucas semanas despois.

    Entre os que participaron no levantamento estaba o que sería primeiro ministro do Governo na clandestinidade Eamon De Valera, ao que se lle trocou o fusilamento por cadea perpetua por ser norteamericano. Foron internadas 1.867 persoas en campos de concentración no Reino Unido, entre eles Michael Collins, que foi liberado no mes de decembro con outras seiscentas persoas e recibido por unha multitude en Dublín. Este patriota irlandés, duro e organizador, dirixiría a que se coñece como Guerra Británico-Irlandesa, que abriría as portas ao Estado Libre Asociado e á independencia.

    O Levantamento foi un fracaso militar porén un éxito político para os patriotas irlandeses, tanto polo cambio na valoración do levantamento como polo seu reflexo no ámbito político. Poucos meses despois o Partido Irlandés, que fora maioritario durante corenta anos, pasou a ser unha forza menor sendo substituída polo Seinn Fein. Este era até entón un pequeno partido monárquico, que se transformou nunha forza republicán e soberanista, e na expresión da vontade política dos irlandeses, que sufriran unha fonda transformación pollo atrevemento de mil douscentos valentes, que foron quen de transformar o estado de animo da sociedade.

    Había polo tanto razóns abondo para que os galeguistas da época ollasen para Irlanda, e que visen nos patriotas do Eire un exemplo, lembremos que as Irmandades da Fala naceron un mes despois. Por este motivo, o celtismo na Galiza máis que unha identificación racial, fose unha procura das raíces que fortalecese o presente e poder así iniciar o camiño da liberación, nunca ou en expresións moi minoritarias de afirmación de dunha superioridade étnica. Lois Tobío di sobre dous dos precursores do nacionalismo galego, Eduardo Pondal (1835-1917) e Alfredo Brañas (1859-1900), que era Irlanda o que máis preto tiñan do corazón, malia que súa obra é anterior ao Levantamento de Pascua. Así o reflicte o poema de Alfredo Brañas “Como en Irlanda”: Érguete labrego, érguete e anda, como en Irlanda, como en Irlanda”.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    Tema marcado como favorito