Firmas

O paradoxo d’A Mariña

    • 11 jul 2020 / 19:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A decisión da Xunta de pechar as bisbarras da Mariña Occidental, Mariña Central e Mariña Oriental (16 concellos e 71.000 habitantes) entre os pasados luns e venres constituiu unha medida que amosou a situación de excepcionalidade deste territorio cara ao exercicio do dereito constitucional ao voto (artigo 23 da Constitución) dos cidadáns nas eleccións nacionais galegas de hoxe, domingo 12-X.

    A cidadanía mariñá estivo privada da súa mobilidade e, xa que logo, de moitas das posibilidades de formación da opinión cara ao exercicio do sufraxio (actos electorais presenciais, repartos de publicidade política, xuntanzas de cidadáns e cidadás, etc.). O amortecemento ou suspensión destas medidas de antonte nalgúns concellos e o mantemento das mesmas nos concellos costeiros e máis poboados non modifica este xuizo.

    Mais esta decisión tamén amosa que o dereito á vida e á integridade física (artigo 16 da Constitución) está a ser subordinado á vontade do Goberno da Xunta de celebrar, sexa como for, as eleccións convocadas para hoxe. Até de agora na Galicia –e no mundo todo– os periodos de corentena acadaban un mínimo de dúas semanas. Telos fixado en só cinco días constitúe un risco obxectivo para a saúde da cidadanía d’A Marña, nomeadamente das persoas con máis riscos pola súa idade e estado de saúde.

    Ademáis, este risco para a sáude da poboación mariñá amosa a falla de condicións obxectivas para que neste territorio se poida votar este domingo 12-X. Sen campaña electoral e co medo no corpo por este abrocho os mariñaos e mariñás non lles están para eleccións.

    Deste xeito, o Goberno galego non garante os dereitos constitucionais á integridade física –á saúde– e ao libre voto da cidadanía desas bisbarras do norte galego. Pensemos só por un intre que Feijóo declarou o estado de emerxencia sanitaria o último 13 de marzo con menos do 65% dos casos declarados de hoxendía (dados da mañá do sábado 11 de xullo) .

    Porque non suspendeu a Xunta as eleccións galegas n’A Mariña? Mesmo cinguida esa suspensión aos concellos máis afectados? Velai que esta caste de decisións –ou ausencia de decisións– teñan un grave efecto deslexitimador do marco institucional e degraden obxectivamente a nosa democracia. Saia o que saia nas eleccións de hoxe.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.