Firmas

O SPIU é un sinal da USC

    • 14 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    OS cinco séculos da USC foron unha oportunidade para celebrar. Os espazos expositivos precisaron mans que activasen o Gallaecia Fulget. O equipo de persoas voluntarias que o fixeron posible sumando ás que o organizaron, sementaron fai 25 anos a Oficina do Voluntariado que deu lugar á árbore do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SPIU).

    A valía dos aneis do tronco desta árbore son as persoas. No centro, as que o fixeron nacer Amelia González, a vicerreitora de estudantes, Javier Agrafojo, Ernesto Gómez e Fátima Teixeiro, o equipo que segue xerando boa xestión en Santiago e Lugo. As voluntarias e os voluntarios, xunto coas entidades que conectan ás persoas que participan na acción social, engrandecen cada círculo cada curso.

    Cando no ano 2002 o candidato a reitor Senén Barro, convidoume a formar parte do equipo como vicerreitora de estudantes, falei con Amelia. Ela compartiu con xenerosidade a súa experiencia e, con especial interese, faloume da Oficina do Voluntariado.

    Deixoume nesa conversa unha pegada especial cando salientou o valor da impronta, o sinal que cada persoa deixa ao desenvolver un cargo. Confeso que eu non contaba co sinal, pensaba en resolver problemas e en desenvolver proxectos.

    Nos Diálogos na academia o SPIU celebrou o seu aniversario de prata, deu as grazas e reflexionou sobre o vivido, nun acto discreto, en palabras da vicerreitora Mar Lorenzo, moi implicada no mesmo. Compartir o recoñecemento institucional con Amelia González é para min un dos froitos da árbore. A nosa amizade iniciouse na primeira conversa, e outra saudable froita é identificar agora o sinal compartido das etapas de vicerreitoras, a aposta pola Oficina do Voluntariado como inversión.

    Unha valiosa rama do SPIU ocúpase desde o comezo das persoas con diversidade funcional na USC, un espazo necesario na academia, que sempre da froitos.

    Agradezo os afectos e os agasallos recibidos, suman USC e artesanía. Co voluntariado aprendín a compartir as emocións en publico, e agromaron ao das a grazas, por ter presentes a Javier, Ernesto e Fátima, aos que tanto debe a USC.

    Será sempre parte do presente escoitar e admirar as entidades sociais participantes no acto, AGADEA e ALUME Saúde Mental. Saber que hai estudantes de Matemáticas colaborando con algunha delas foi outro agasallo.

    Viaxando no tempo, hai voluntarias que seguen na miña axenda viva: María Ríos, bióloga que recibiu a insignia de ouro da USC en nome do voluntariado do Prestige; Emma Mayo, doutora en psicoloxía que colabora con Estalmat-Galicia e que sempre me fai ver; con Elena González-Alfaya, doutora en pedagoxía que gañou o premio Humanitas, e Elena Rosa, matemática do INE, sigo a compartir felicitacións todos os 18 de agosto.

    Grazas a todas as persoas que regan esta árbore senlleira. O osíxeno que nos aporta é un dos sinais da USC que cose seu compromiso coa nosa contorna e que nutre de competencias a todo o alumnado que participa nas accións impulsadas polo SPIU.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.