Firmas

Orzamento, importan as contías e as formas

    • 05 dic 2020 / 01:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Os orzamentos do Estado español foron aprobados por unha ampla maioría no Parlamento, grazas ao acordo do PSOE+UP co soberanismo catalán e vasco. Sen dúbida é un paso positivo en certos aspectos, porque ademais de satisfacer algunhas das necesidades económicas destas dúas nacións pode axudar a abrir as portas a unha solución negociada do conflito catalán, coas repercusións que esta tería no aspecto democrático en relación coa realidade plurinacional do Estado español (EE). Agora ben, para alén de que á dereita este acordo lle pareza vender a patria, xa que algo teñen que dicir, o certo é que o noso país, Galiza, non sae ben parado nestes orzamentos. Concretamente perde un 11% nos investimentos, cando estes medran un 68% para o conxunto do EE.

    Non se trata de que exista unha actitude discriminatoria porque no noso país governa o PP, xa que por exemplo para Murcia e Andalucía o investimento crece, nesta última autonomía por riba dun 40%. Tampouco é valido o argumento de que nos anos anteriores a contía para Galiza foi moi alta pola construción do AVE, xa que aínda non se rematou despois de ter pasado máis do dobre do prazo planificado, e con investimentos que sempre se executaron parcialmente. Ademais, resulta evidente que esta non é a única débeda histórica, unha das razóns polas que temos un papel subalterno na actividade económica, coa conseguinte cativa creación de emprego, baixos salarios, emigración, e recuar demográfico, malia as inmensas riquezas do país e ter unha extensa costa.

    O deputado do BNG, Nestor Rego, denunciou este trato desigual nos orzamentos, polo que coida co coherente é votar en contra “dunhas contas que lle dan a Galiza 104 millóns de euros menos que os últimos orzamentos deseñados polo Governo de Raxoi, mentres que outros territorios que levan décadas co AVE reciben unha choiva de millóns”. Polo tanto non se trata dunha actitude refractaria aos acordos, máxime con forzas progresistas, cando favorecen ao país. Como sucedeu na investidura de Pedro Sánchez, un voto que ademais logrou unha rebaixa das peaxes da AP-9.

    A fronte nacionalista tamén contestou contundentemente as criticas do PSOE e Podemos galegos, xa que ao non votar as emendas do BNG, que significan melloras diversas, poñen por diante as directrices dos seus partidos en Madrid antes que os intereses dos/as electores que os elixiron. Nestor Rego pon como exemplo que algunhas que non implicaban grandes cambios nas contas porén que eran beneficiosas para o noso país. Daquela que valore que “terán que explicar porque votan en contra dunha partida de 20 M€ para a conexión ferroviaria co Porto Exterior ou dunha partida de só 1.300.000 euros para compensar as mariscadoras da Ría do Burgo que teñen que parar a actividade durante as obras de dragado e rexeneración (...) ou que votasen en contra dunha partida de só 1 millón de euros para a rexeneración da ría do Ferrol”

    Que o PSOE+Podemos chegasen a un acordo co BNG permitiríalles contar co apoio da fronte, que é a segunda forza política na Galiza, e evitaba que o trato discriminatorio co país fose tan evidente e sobre todo se ampliase. Ademais o PSOE e Podemos galegos poderían ter reclamado unha parte do mérito, e denunciar a nula actitude reivindicativa do PP (por outra banda incomprensíbel, máxime estando na oposición). Todo indica que, tanto o PSOE como Podemos, unha vez conseguida a maioría para os orzamentos, optaron por afastar ao BNG de calquera acordo co obxectivo evidente de pasarlle factura polos malos resultados que eles obtiveron nas pasadas eleccións galegas. Se cadra coidan que deste xeito réstanlle atractivo ao Bloque diante daquel sector do electorado que busca unha alternativa que obteña resultados inmediatos en beneficio das clases populares galegas. Coido que se este fose o motivo trataríase dunha análise tácticista, da vella poliquetería, que de ningún xeito xustificaría dar as costas a medidas beneficiosas para o país, e tampouco lles serviría para tirar rédito electoral. Ante todo, porque o/a votante que perderon foi porque consideraron ao BNG como unha organización máis virada á esquerda e preocupada polos temas referenciais de Galiza. Tanto que valía máis un deputado do BNG que todos e todas os que eles tiñan no Congreso. E esa valoración non se muda secuestrando ao mensaxeiro, senón que pola contra deixan máis en evidencia a complicidade con esa actitude política que invisibiliza a Galiza no Parlamento español.

    O papel que teña a nación galega nestes orzamentos non se pode considerar como un feito conxuntural, xa que serviran de referencia ao proceso de reconstrución e aos fondos que se adiquen a esta tarefa. Agora ben, non está dita a última palabra, esa está depende da actitude do povo.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    Tema marcado como favorito