Firmas

Os límites do triunfalismo

    • 21 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Todo indica que ficamos na terceira onda da pandemia, e que o aumento do número de contaxios implica que en poucos días que suceda algo semellante en cantidade de mortes, malia que se conten con máis recursos e experiencia para confrontar o covid-19. A loita inicial contra o virus asentouse en tres premisas: limpeza de mans, distancia entre persoas, rebaixar a mobilidade. Socializar estas consignas e modificar os comportamentos non foi doado, porque implicou reducir a actividade económica e conseguir a complicidade na disciplina social necesaria. Outro dos retos da pandemia era mellorar os servizo sanitario, dotándoo tanto de maiores medios técnicos como de persoal. Neste aspecto semella que non se fixo todo o esforzo necesario, tendo en consideración o escenario máis negativo, como era lóxico, máxime cando todo amosa que esta roto o equilibrio entre o ser humano e a natureza, polo que estas situacións pódense repetir con novos virus, catástrofes climáticas...

    Sen dúbida a dureza do confinamento axudou a xerar unha disciplina social na loita contra o covid-19, para manter aquela actividade económica esencial, e só suspender aquela máis exposta aos contaxios (turismo, espectáculos deportivos e culturais, etc.), para evitar que a crise sanitaria terminase afogando a produción. Resulta evidente que se rachou esa disciplina e equilibrio en dúas oportunidades, durante o vran como reclamo para o turismo, e nas festas de navidade e aninovo, por razóns de consumo e relixiosas, e en ambas abriuse a porta a unha nova onda da pandemia. Pódese dicir que a última responsabilidade está na xente, é verdade, porén dende a administración as mensaxes normalizaron un escenario co retroceso dos contaxios unhas taxas “asumíbeis”, alentando a ese sector da povoación que tende a mini-valorar a pandemia, máxime cando xa se materializaba un calendario para vacinar. E iso foi abondo para botar pola borda todo o esforzo de meses.

    Ponse con razón moito énfase no vacinamento, xa que daría inmunidade a povoación, mais ao ritmo actual tardaríase anos, e ademais non se sabe con exactitude canto durará seu efecto preventivo. Supoño que o ritmo irá crecendo a medida que se incorporen novas marcas da vacina, como Moderna e Astra-Zeneca e a de Janssen, que requiren unha menor infraestrutura. Aínda que chama a atención que non se conte coa Spútnik-V que xa se está utilizando en varios países, ou algunha das vacinas chinas. Resulta evidente que o tema sanitario tamén está politizado. Que tremendo.

    En todo caso resulta evidente que a a información que recibimos é parcial, dando a impresión de que se nos trata como a raparigos e raparigas, daquela que calquera atranco, como unha redución das entregas da Pfizer, sexa visto como un paso atrás. Non será mellor que se non informe con claridade da folla de ruta e dos distintos escenarios posíbeis, dende o máis negativo até o óptimo? Deste xeito saberiamos sempre a que nos enfrontamos, e exactamente que é o que depende da nosa colaboración e o que de factores externos. Ofrecer un único escenario en problemáticas tan complexas pode transmitir fortaleza, porén tamén irresponsabilidade, falta de confianza no povo. Ademais termina creando desconfianzas, especialmente cando acumula varias predicións fracasadas.

    Resulta lóxico que se cometan erros en temas sen experiencias previas, mais non cando se repiten varias veces sobre a mesma cuestión. Agora ben, e menos doado de xustificar que non se tomasen as medidas necesarias para confrontar o virus nun escenario máis negativo, mellorando o máximo posíbel durante este tempo o sistema de saúde, as residencias da terceira idade,... Neste caso, se non se fixo, ademais de deixar en evidencia os límites do triunfalismo como reclamo electoralista (e que pouco ten que ver co optimismo) hai responsabilidades políticas que non se poden obviar.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    Tema marcado como favorito