Firmas

Pulsións imperiais

    • 29 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A retirada dos exércitos occidentais -comezando polo de Estados Unidos- de Afganistán deixou en evidencia unha vez máis que as chancelerías non sempre teñen unha boa perspectiva á hora de encetar una guerra. Vale isto especialmente para Washington, protagonista en boa parte dos conflitos importantes sucedidos desde a Segunda Guerra Mundial. Se lembramos os casos do Vietnam, Somalia, Iraq (por dúas veces) ou xa citado Afganistán (ou de Alemaña nos Balcáns), por dicir algúns, fronte ao inicial proxecto non había nin unha alternativa B nin moito menos outra C. Saíron tarde e mal, deixando unha situación peor que a que pretendían solucionar.

    E os lodos que agora estamos a tragar pola tensión bélica a propósito de Ucraína, están amasados cos polvos que os Estados Unidos quixeron impoñer á Rusia que resultou da caída da URSS. A primeira manobra, aínda en guerra fría, foi o rearme norteamericano ordenado por Ronald Reagan para forzar a Moscou a que o replicase, coa consecuencia dunha grave crise económica para o conxunto da cidadanía soviética.

    O resultado é coñecido: desintegración da URSS e emerxencia de novas repúblicas independentes, unhas soberanas, e outras non tanto, verbo do Kremlin. Liberadas da tutela moscovita, algunhas buscaron ben axiña a protección occidental, en paralelo ao que fixeron aqueloutras que pertenceran ao Pacto de Varsovia. En troques de atraer á nova Rusia cara a Occidente, deixaron que quedase soa e espida. En definitiva, unha humillación para quen sempre se sentiu unha potencia de dimensión mundial a cabalo entre Europa e Asia.

    Pero con independencia do réxime vixente en Rusia, as súas debilidades estratéxicas non se modificaron desde a fundación do Imperio tsarista, unha delas, os accesos ao mar. O primeiro obxectivo foi a apertura ao mar Báltico coa fundación de San Petersburgo por Pedro o Grande en 1703; o segundo, gañar a península de Crimea ao imperio otomán, conseguido en 1783 por Catalina a Grande; o terceiro, a apertura ao Pacífico coa fundación de Vladivostok en 1860. E desde 1971, a base naval de Tartús (Siria) por acordo co rais Háfez al-Ásad.

    A península de Crimea perdeu a súa condición de república autónoma cando a súa poboación tátara foi deportada en 1944 por suposta colaboración co III Reich. Reducida á condición d’óblast, en 1954 foi transferida á RSS de Ucraína e con esta condición estaba cando, tras a caída da URSS, esta república obtivo a independencia. Conformouse Crimea (por impulso da poboación rusa) coma rexión autónoma dentro de Ucraína e repartíndose a flota do Mar Negro en Sebastopol entre o novo estado e Rusia. A influencia de Moscou quedaba asegurada en tanto en canto o novo goberno poscomunista non entraba en conflito coa capital imperial. Pero a chegada dun goberno democrático en 2014 a Kiev fixo que en Moscou tocasen campás de guerra perante o risco de perder a saída de Crimea, que foi ocupada por tropas rusas.

    Como todo imperio, Rusia sempre necesitou de zonas adxacentes que lle asegurasen unha distancia verbo de eventuais inimigos, papel que durante o tsarismo e actualmente xogan os grandes estados tapón: Bielorrusia, Ucraína e Kazakhstán. Para asegurar a fidelidade a Moscou, foi necesario que estivesen gobernados por autócratas, sen tentación de achegamento a Occidente. Pero as revoltas contra Lukaixenko en Minsk e as liortas entre as elites kazakhas viñeron a engadirse á nova presidencia de Zelenski en Kíev.

    E visto o risco de implosión e as tentacións de Washington, Londres e Bruxelas, Putin mobilizou unha parte importante do exército ruso en Biolorrusia e nas fronteiras con Finlandia e Ucraína. A mesma política que os dirixentes da URSS practicaron cando Hungría en 1956 e Checoslovaquia en 1968 tentaron unha vía propia fronte aos mandatos do PCUS. As pulsións imperiais sempre son semellantes e máis no caso ruso, preciso de líderes con carácter forte, por dicilo de maneira prudente. Perdida a influencia nas repúblicas bálticas, centroeuropeas e balcánicas, Rusia non procura outra cousa que asegurar a neutralidade dos estados que a rodean e consolidar a súa ocupación de Crimea e así asegurar a saída aos mares Negro e Mediterráneo.

    Joaquim Ventura

    Tema marcado como favorito