Firmas

Que fixemos os ‘leiras’?

    • 18 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    ANDANDO os anos setenta, centos de mozos da aldea fomos quen de estudar na universidade. Pola nosa extracción rural, alcumáronnos os leiras. Como foi posíbel está dinámica en economías sustentadas nunha agricultura case de autoconsumo e unha gandería de menos de dez vacas? Hoxe, é pouca a descendencia de labregos que poden acceder á universidade, aínda que a súa facenda supere moitas veces as cen cabezas de gando.

    Aínda que se poida afirmar que o paso pola universidade significou para moitas persoas un ascenso social, os leiras supuxemos un progreso ou unha eiva para as nosas comunidades? Que lle aportamos as nosas parroquias e lugares?

    Cantos máis estudantes universitarios tiña un concello do rural, máis acelerado resultou o seu despoboamento e abandono. Porque, hai que dicilo, moi poucos dos habitantes do rural, e aínda das vilas, que pasamos pola universidade, volvemos vivir á parroquia, desperdiciándose así unha notábel forza de traballo, pero tamén de esforzo, de intelixencia e transmisión cultural. Moitas daquelas explotación que nos deron de comer e nos permitiron estudar fican hoxe abandonadas e, mesmo, as casas pechadas.

    O rural galego, máis alá da periferia das grandes cidades, vai camiño de converterse nun parque temático ou nun museo ao servizo dos visitantes, entre os que nos atopamos os leiras e as nosas familias. Xa sei que é duro lelo. Pero é ou non é certo?

    Algo non vai ben en Galiza!

    E non vai ben por causa dunhas determinadas políticas. Como afirma o profesor Pexerto Saavedra, un leira, “non poden vivir nas parroquias tanta xente coma no 1930 ou no 1950, pero o despoboamento é unha auténtica catástrofe. No 1800, a economía do rural estaba moito máis diversificada ca hoxe e vivía en Galiza o 14% da poboación de España”.

    Coñecendo o rural como o coñecemos, algúns leiras foron quen de deseñar unhas medidas para que isto non pasara, pero non fomos quen de levalas á práctica por falta de peso político.

    Por que os nosos veciños non confiaron nesta xeración estudada que agora se está xubilando? Se cadra porque eramos leiras.

    Tema marcado como favorito