Firmas

Radar e relato

    • 19 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    VISTO desde fóra de Ourense, Gonzalo Jácome pode parecer unha barbaridade de alcalde, pero en calquera outro concello se poden cometer máis barbaridades. (O típico de Ourense non son as barbaridades, senón as baltaridades). Visto desde dentro, a provincia –empezando pola capital– ofrece un deseño sociolóxico dos máis harmónicos afincado nun sólido “sistema de relatos”, como din agora os historiadores modernos, coma Yuval N. Harari.

    Aquí os nosos historiadores sempre están empoleirados nas Torres de Meirás, e nesas alturas non se fai máis ca ciencia de faiado e campanario. Harari diría que Ourense é unha nación dentro da nación. O que pasa é que aquí tamén seguimos sendo devotos da vella definición stalinista de nación, que é a que lle gustaba a Castelao, aínda que a el non lle gustase Stalin (a ver se lemos Sempre en Galiza).

    A Jácome hai que entendelo no seu contexto. E en política o contexto é primeiramente o peculiar xeito de angazar ingresos como medio para guindar actancias sociais. Outros alcaldes máis previsibles e vulgares, coma, un supoñer, o de Vigo ou o de Compostela, angazan fondos –nestes tempos de remanentes cautivos– edificando cadanseu radar, que xa gañaron familiaridade e fama entre a sufrida veciñanza. Ao radar de Vigo (en Samil) chámanlle ‘O Bombillo’ por razóns filoxenéticas coas infinitas bombillas do Nadal en contraste coa falta de luces do Caballero cabal.

    Estoutro día, unha señora nai, lastrada cun feixe de fillas e letras, daba queixa na prensa de que ‘O Bombillo’ xa lle metera cinco multas seguidas. Son moitos números para o pouco que dan as letras.

    E aquí en Santiago un señor pai de familia guindaba pestes nunha carta ao director dun xornal polo furor recadatoiro do radar de Conxo, que a xente –sen moito esforzo imaxinativo– chama ‘O Bugallo’. Pero desde o punto de vista botánico está moi ben chamado porque un bugallo é esa excrecencia que o sistema inmunolóxico dos carballos inventou para encapsular parásitos e avespas malignas. Hoxe un radar é símbolo de niños de asesores, que son coma os niños de velutinas das novas administracións dixitais.

    Pero o alcalde Jácome aínda está na vella dixitalidade. El non recada co frío e cibernético radar que eleva a iracundia veciñal á máxima expresión, senón que recada pola liberdade de expresión (da súa televisión). E esta, nunha democracia, é unha dixitalidade que se lexitima nos dedos de antes, que son os que saben apreciar o tacto e a tectónica do billete, o brillo do papel moeda untado coa graxa sagrada do becerro de ouro de toda a vida. Ou sexa, o eterno retorno. O eterno relato.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.