Firmas

Saudade (resolta) das librarías

    • 25 may 2020 / 23:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    VER de novo aos libreiros que mais visitaba antes do confinamento e encontralos de novo ao pé do seu mostrador foi un bonito reencontro: atopar as portas abertas, as mesas esperando polos distribuidores e as novidades –que non tardaron– e os profesionais coas ganas indemnes de sairen adiante son imaxes que dan ganas de crer no futuro.

    Eu –para dicilo todo– son un comprador frecuente de libros en internet, porque é unha posibilidade que nos da moitas alegrías aos afeccionados a temas e edicións que non sempre son parte do gran mercado. Grazas a internet accedemos a libros que doutra maneira nin sequera saberiamos que existían, porque proceden de lugares moi apartados ou de tempos comestos xa polo monstruo dos calendarios. Nestes días, e por poucos cartos, merquei un libro de fotografías de Gyenes sobre representacións teatrais importantes nos primeiros anos 50. Juan Gyenes foi un fotógrafo de orixe húngara que veu a España en 1940, cando era fotógrado do New York Times. Casou cunha española e traballou en Madrid durante mais de cincoenta anos. A Gyenes gustáballe fotografar espectáculos –música, danza, teatro– e facer retratos, desde Picasso ata Von Karajan. No seu libro habitan marabillosas fotos en branco e negro, escuras e intensamente dramáticas, e nas que resulta marabilloso ver, en plena mocidade, a actores como Francisco Rabal, Berta Riaza, Guillermo Marín, Jose Maria Rodero, Luis Prendes, Amparo Rivelles... Tamén merquei un libro extraordinario de fotografías (Les Terre Neuves) de Anita Conti , a primeira investigadora a bordo dun barco nos mares do Norte, disposta a mostrar a paisaxe física e humana da pesca en latitudes inhóspitas e, con frecuencia, cheas de perigos. O aspecto de Anita Conti é dos que avisan contra os xuizos feitos a partir das apariencias: a sua boina ladeada con coquetería , as suas camisas de lazo no colo, como se viñera de tomar unha copa de viño nalgún bistrot parisino, non poden ocultar a personalidade dunha oceanógrafa pioneira e dunha exploradora sen medos nin límites. É unha figura respectada en toda Europa (morreu en 1997) e publicou libros e reportaxes de enorme éxito.

    Así que pasei nos últimos días unhas horas moi pracenteiras grazas a estes libros mercados a mais de mil quilómetros da miña casa. Pero foi estupendo volver ás librarías de follear e palpar, ás librarías que dan servizo e vida aos barrios e ás rúas comerciais. Na primeira das que visitei, e sen eu telo pensado, acabei cun pequeno lote de libros culinarios. “Xa tiña vostede ganas dun libros sobre cousas de comer, eh?”, díxome o libreiro. Era certo, sen dúbida. Na segunda, e sen que respondera tampouco a un plan previo, un día despois , merquei varios títulos sobre cine, incluídas as memorias de Woody Allen. “Nótase que traía fame duns libros sobre tele e cine...”, díxome a libreira cun sorriso detrás da máscara. Tamén era certo.

    Era o devezo polos libro e por atopar os lugares e as persoas. Curar a saudade das librarías e dos libreiros é sentir que a vida volve ao seu rego, é homenaxear as historias e as ideas dos libros (e da tele), pois foron as nosas compañeiras mais balsámicas nos días escuros que van quedando atrás.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.