Firmas

“Se Deus existe, de onde ven o mal?”

    • 15 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    BOTEIME a ler Consuelo de la filosofía, a ver se así. Escribiuna Boecio, estando preso no cárcere de Pavía, alá polo ano 524 do primeiro milenio da nosa era, mentres agardaba ser executado por orde de Teodorico O Grande, que non O Magnánimo, cousa que efectivamente sucedeu nese mesmo ano que se cita; o da escritura do texto, naturalmente.

    Digo “a ver se así” porque e esta altura do terceiro milenio da nosa mesma era na que agora nos aventuramos, cheos de prexuízos e de medos, nunha medida ou noutra, todos estamos en capela, agardando. Máis os que, coma min, xa somos de obra de tres terzos de século e sospeitamos o que pode que nos estea a esperar, aí mesmo, onde dea a volta o aire, a causa da nosa idade.

    Nese faladoiro, nesa tertulia escrita e cibernética, que mantemos os vellos compañeiros do instituto do Posío, a mesma que algúns titulan chat e celebramos grazas ó WhatsApp, un de nós, Pepe O., comentaba o que recollo pra vostedes: “Isto é terrible. De tódolos enfermos polo virus en Ourense, trescentos deles son dos probes substentados por Cáritas. Isto doe, os probes, a maiores de probes, enfermos. Se Deus existe, non entendo o seu xeito de gobernar”. Escuso advertirlles que de contado tivo respostas. Entre nós e como debe ser hai os que adoran o covid-19 de Trump e os que o deostan.

    Boecio escribiu un texto que foi lido durante séculos, tal foi a súa influenza. Pra moitos é o derradeiro romano e pra outros tantos é o primeiro escolástico. Traducíu ó latín a obra de Platón e de Aristóteles e demostrou que as súas ensinanzas eran, son, compatibles co cristianismo. Foi dono dunha mente poderosa que se desenvolveu por igual na lóxica que nas matemáticas, na teoloxía que na música. A min, non sei por que, recórdame en algo a Omar Khaiam, o gran poeta persa autor das Rubaiats, miren que cousas se me ocorren.

    Non é de estrañar que Boecio, estando nas que estaba, procurara consolo na filosofía e que escribira o que escribiu. Tiña que ter moito temple, coido eu. O seu libro comeza cunha descrición na que narra como se lle apareceu unha esvelta e fermosa figura feminina que, de primeiras, un sospeita que sexa a Virxe María. Pero non. Non o é. Tratase da Filosofía coa que o autor vai manter un longo diálogo a propósito desto e máis do outro. Pero vostedes poden imaxinar doadamente por ónde han ir en gran medida os tiros estando, como el estaba, agardando que o decapitasen logo de telo torturado a xeito.

    Nun momento dado, Boecio recupera unha cuestión aínda sen resolver na medida necesaria que acae moi ben, que ven moi a xeito, da reflexión feita polo meu compañeiro e amigo Pepe O. É esta: “Se Deus existe, de ónde ven o mal? E se non existe, de ónde provén o ben?” . Non facilita resposta algunha e, unhas páxinas máis adiante, teima no asunto: “O inocente padece o castigo que merece o criminal, mentres que os costumes perversos son entronizados e os malvados soxuzgan ós inocentes. Cando escuras tebras eclipsan o brillo da virtude, os méritos do xusto convértense en delitos pró malvado, que nada teme dos seus perxurios nin dos seus fraudes alevosos, pois sempre quedan impunes. E cando quere botar man da súa forza somete ó seu gusto ós máis poderosos reis, que tanto temen ós diversos pobos. ¡Ouh, quen queira que Tí sexas, o que establece as leis deste mundo, contempla as súas miserias!” Leon XIII, no ano 1883, canonizou a Boecio como San Severino logo de ter autorizado o seu culto na diocese de Pavía onde o executaron.

    Muda-se os tempos, mudan-se as vontades, escribiu o grande Luís de Camões, que disque era de Lisboa, pero teño pra min que de onde o era, era da terra de Miguel Torga, outro grande, aí a carón de nós en Tras os Montes. Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades di Camões pero, se un o pensa, ben se ve que non tanto como el afirma. A condición humana é a que é e non é outra e, si, tras tempos tempos veñen; pero a vontade duns homes, non é a vontade doutros e todo se nos complica de xeito que a Boecio razón non lle faltaba e a Pepe O. tampouco lle falta moita, pero non creo que mo canonicen.

    O mundo é como é e iso non cambia por moito que unhas vontades se impoñan a outras nalgúns tempos e estas acaden a lle dar a volta nos seguintes. Fai ben Pepe O. en non entender moito o que sucede. Tamén Boecio no seu longo discurso sobre a realidade da existencia. Pero entre os dous fanme recordar o final de O divino sainete grazas o cal Curros Enríquez foi excomungado por facerlle dicir a Deus “Se iste é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”. Pepe, que non te leve o demo.

    Tema marcado como favorito