Firmas

Somos nós os que non cambiamos

    • 28 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    QUEIXABÁMONOS do 2020 e mira que leva unha boa carreira este que o sigue e no que habitamos, Breogán nos deixe que sexa por moitos anos. Está a rematar este seu primeiro mes e xa levamos, amén dunha pandemia que vai a máis e nos vai deixando a todos un pouco máis espidos, social e economicamente, diríase tamén que moralmente, e oxalá que tamén dispostos, dunha bendita vez, a recuperar o medio ambente que, cando menos os que xa somos de obra de seis, sete o máis décadas de vida, recordamos cunha señardade, entre tenra e inxenua, que nos fai espertar de soños bucólicos e fantasías eróticas.

    Fantasías nacidas case que todas elas á beira dunha praia, nunha fermosa noite de luar, mentres a algarabía dos grilos axuda a manter os pes no chan eludindo aínda maiores aventuras. Deus, que lírico me poño ás veces!

    O caso é que ala se nos está a ir xaneiro. Como escribo isto con certa antelación, é posible que Trump marchara sen nos ter deixado unha cerimonia insólita desas non se sabe se a non recordar ou a non esquecer. Tamén o é que a nevarada que, a xulgar polos noticieiros das canles de televisión só afectou a Madrid, precisamente onde se coce todo, non se continuara coas enxurradas que os meteorólogos anunciaron do mesmo modo que o fixeron, no seu momento e con antelación abonda, coas nevaradas que, pese a elo, colleron en pelotas ós máis dos nosos gobernantes... en resume que é de esperar que non suba a enerxía eléctrica máis do que xa subiu, que non se dispare máis o prezo das autopistas galegas, que as vacinas sexan efectivas e que os galegos, á volta da sanación de tódolos nosos males, teñamos a necesaria intelixencia construtiva que nos leve a abrir empresas que non só sexan de hostalería e restauración, bares e chiringuitos varios incluídos, pra ver se así nos sacudimos dunha vez dalgunhas das eivas que nos tollen. Galicia é algo máis ca ese Xacobeo que seica nos vai vertebrar industrialmente, San Silvestre meigas fóra.

    O caso é que, entre unhas cousas e outras, estes primeiros días do ano non van ser como pra recordalos. É así e non doutro xeito ningún como vai transcorrendo a vida. Outros anos, a estas alturas, xa celebraramos a chegada das lampreas, a primeira inxesta delas; os gozos que sempre tan con eles os regalos ou agardabamos as xeadas de febreiro e os días nos que disque comezan os casorios dos paxaros. Entón os gatos andaban ás xaneiras, hoxe é cousa xa de dubidalo. O mundo anda algo revirado.

    Escribiu Thoreau, que non sei se pensar que foi un ácrata cun verniz liberal ou ben un liberal camuflado de ácrata, pero que en todo caso amou a natureza e inspirou a xente non tan dispar coma Martin Luther King ou Mahatma Gandhi e dende logo que tamén ó movemento hippy, escribiu Thoreau, dicíalles, que as cousas non cambian senón que somos nós os que o facemos.

    Non estou convencido delo, somos nós os que non cambiamos. A nosa condición ven sendo a mesma dende o comezo dos tempos nos que, unha man descoñecida –malia que tantas veces nola teñan descrito aqueles que presumen tela visto, ou polo menos tela sentido pousada nas súas almas– nos colocou eiquí, nesta pequena nave que navega senlleira polo cosmos, facéndoo sen rumbo fixo ou predicible e sen que dende entón variara no máis mínimo o noso comportamento colectivo. Abonda cos que se nos axiten un poucos as conciencias como pra que, ese animaliño que todos levamos dentro, se manifeste na súa máis total crueza.

    Son tempos crus estes que vivimos. As cousas cambian. Tras tempos, tempos veñen, e nós somos consecuencia deles. Sairemos fortalecidos ou esnaquizados e abatidos logo da pandemia, logo deste andazo cabrón que a todos nos envolve? Élles só unha pregunta á que só o tempo lle dará resposta.

    Dicía Montaigne que “calquera home encerra en si a forma enteira da condición humana”. Son os tempos e as cambiantes cousas as que extraen de nós a abxección e a beleza, a bondade ou calquera outra expresión da que é capaz de manter dentro súa a condición humana, por suposto que tamén a maldade. Por iso é de desexar que as cousas se vaian serenado algo de modo que, pra que suceda, tamén terá que intervir a condición humana. Busquemos, pois, dentro nosa os millores froitos da nosa condición. A ver se así o superamos. Será o millor xeito de superar estes tempos difíciles e cambiantes que tanta boa xente se están levando mentres nos van deixando chuvias e nevaradas, crises e desesperanzas.

    Tema marcado como favorito