Firmas

Ucraína, dialogo ou feitos consumados

    • 30 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Despois dun mes de guerra na Ucraína, como consecuencia da invasión do exército ruso, todo indica que se vai estender máis do esperado por Putin, en boa medida porque os países da OTAN e aliados fornecen ás tropas ucraínas de armamento, voluntarios e mercenarios, e un apoio mediatico inmenso para alentar resistencia e demonizar a Moscova. Ademais, resulta evidente que o avance do exército ruso viuse freado en Kiev, Járcov e outras grandes cidades, nas que os civís están mesturados coas tropas ucraínas, para evitar unha matanza.

    Semella que Putin non esperaba unha actitude de rexeitamento tan forte e unida da UE máxime cando esta ten unha gran dependencia de produtos rusos estratéxicos, como o gas e petróleo, e algúns metais, trigo, etc. e o turismo ruso tamén é importante. Sen dúbida contou a presión de Washington e algúns países do centro de Europa, como Polonia, Chequia,... Para alén das razóns, no concreto as medidas tomadas por Bruxelas implican unha participación na guerra, agás no aspecto militar directo. Ignorouse que Moscova tiña feito todo tipo de intentos para buscar unha saída negociada para terminar con incumprimentos dos acordos de Minsk (máis de 13.000 mortos dende 2014 polos bombardeos do exército Ucraíno no Dombás, que a UE ignorou), e sobre todo para evitar o pretendido ingreso na OTAN da Ucraína que poría en perigo a seguridade de Rusia.

    Os antecedentes, a moitos non lles interesa mencionalos, porque se trata de pintar unha foto fixa de bos e malos, abrindo unha fenda entre Rusia e a Unión Europea, política e social, que non se vai resolver cun acordo de paz (Estados Unidos alimentouna porque favorece seus intereses). Polo que cada vez é máis difícil que en pouco tempo se pacte un alto ao fogo, non digamos un acordo de paz. E coido que esta é a razón pola que Putin acaba de anunciar que no ámbito militar vanse centrar na liberación do Dombás. En poucas palabras, que coidan que non hai unha saída pactada a non ser aquela que vaia acompañada pola derrota de Rusia e a dimisión de Putin. Calquera outra solución é considerada como un recuar histórico da hexemonía do bloque occidental comandado polos Estados Unidos, nun intre no que este está moi cuestionado polas potencias emerxentes (China, Rusia, India, Brasil, Iran, Turquía,...).

    Se Moscova chegou a esta conclusión, a ocupación de toda a Ucraína non ten sentido, polo custosa. Máxime cando tampouco evitaría que as forzas fascistas e de ultra-dereita sigan a ter un gran peso na resistencia e no país, grazas á a convivencia da UE, como xa está a suceder (non é casual que admitan a prohibición do Partido Comunista dende hai anos e agora suspensión da actividade duns dez partidos socialistas e progresistas, entre eles o segundo na Cámara, por consideralos pro-rusos). Daquela, que as tropas rusas se centren en controlar as zonas nas que a povoación desa orixe é maioritaria, concretamente no Dombás (Lugansk e Donetsk), así como nas áreas próximas á península de Crimea, e aquelas de importancia estratéxica na fronteira. Neste mapa de obxectivos faltaría a ocupación de toda a costa do Mar Negro, deixando á Ucraína sen aceso á costa. Farano?...

    Unha folla de ruta deste tipo tería sentido se o escenario que se debuxa para o futuro, para alén de que en determinado momento se pacte a paz, no esencial pasaría porque a UE manteña a confrontación económica, na información e en todo tipo de relacións con Rusia. E a esta altura todo amosa que será así (temos como exemplos, a substitución do gas, a conxelación de reservas de divisas e a exclusión do SWIFT). O tipo de sancións impostos, o enfoque da información, só sinalan un único camiño: a aceptación das regras marcadas por occidente ou a confrontación e demonización. Claro que en ambos casos coa Ucraína desfeita. Manterase o apoio económico no futuro de occidente para recuperala? Teño moitas dúbidas de que se faga na contía necesaria.

    A responsabilidade da actual situación é tanto do Governo ucraíno que causou 14 mil mortes no Dombás, por negar a autonomía e dar pulo aos grupos fascistas; como da invasión rusa para garantir unha seguridade nuclear que Kiev coloca en entretido e defender a Donetsk e Lugansk; e sobre todo da OTAN por alimentar a guerra, favorecer novos ataques sobre o Dombás, negarse a negociar un pacto de seguridade militar entre potencias, e dar pulo á militarización da Ucraína.

    Outra cuestión a non obviar é como vai saír a UE desta liada, porque apostou pola guerra hibrida, as sancións e a demonización, e non pola diplomacia e unha solución negociada. Con todo o que isto implica, non só respecto da dependencia dos Estados Unidos e seu complexo industrial militar, senón da fenda que se abre con Rusia, porén tamén con China e outras nacións que valoran súa soberanía. En calquera dos futuros escenarios Bruxelas perderá tanto peso económico como político, e por suposto todos estes retrocesos vainos pagar a clase traballadora e os pequenos empresarios, cunha maior concentración e centralización do poder e da riqueza ao interior da UE. Así de duro, e resultado do discurso exclusivo, de ver a realidade a través dunha única lente, da negación dun mundo multipolar, dunha casta dirixente afastada da base social. O capitalismo está na súa etapa senil. A UE debe revisar sua postura tanto en relación co sistema económico e social propio como nas relacións exteriores, non estamos en tempos de imposición e conquista.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    Tema marcado como favorito