Firmas

Xente da Barreira

    • 17 may 2020 / 00:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A tormenta provocada polo virus deixounos tamén sen o Día das Letras Galegas, aínda que non totalmente. A televisión mostra a vida e a obra de Ricardo Carballo Calero, tan ampla e complexa que sempre hai algo novo que aprender. Tamén os moitos libros publicados, ou reeditados, para esta ocasión. Compostela, tan importante na súa existencia, volve lembralo. Aínda que vivamos un instante difícil, a literatura é sen dúbida un lugar perfecto para atopar refuxio e protección dos males do mundo. Non alcanzará Carballo Calero a presenza pública e festiva que un Día das letras Galegas permitiría, de non ser polas circunstancias adversas. Pero a celebración do seu legado literario e do seu labor filolóxico estenderase sen dúbida ao longo dos próximos meses, e alcanzará, cando a situación o permita, un escenario máis favorable.

    Andei estes días co A Xente da Barreira, que é unha obra que sempre me enche de sorpresas, que sempre convida ao descubrimento da linguaxe. A edición nova de Editorial Galaxia reproduce a primeira, que foi premiada, a de Bibliófilos Gallegos, en 1951. A escritura de Carballo Calero é tan inmensa e abarca tantos aspectos da cultura e da lingua que resulta moi difícil ficar nunha soa obra. Pero quizais, para os que non somos máis que lectores, en A Xente da Barreira agroma unha atmosfera especial. Lembra o aire dalgunhas obras dos nosos grandes polígrafos, cos que Ricardo Carballo Calero conviviu, pois foi aquel un longo tempo de palabras, aínda que tamén fose un tempo de silencio. Adivíñase unha certa corrente moi produtiva da nosa literatura, do realismo ao naturalismo, para acabar quizais no neorrealismo, como o propio autor dicía a Carmen Blanco, nese libro emblemático, imprescindible, que é Conversas con Carballo Calero (tamén agora, felizmente, recuperado por Galaxia, nunha versión actualizada). O latexo daquelas conversacións de principios dos anos 80 regresa agora con toda a súa enerxía creadora.

    Andei con A Xente da Barreira, en agarimoso reencontro, porque é deses libros que podes gozar como un festival perpetuo de palabras. O seu carácter fragmentario e ao tempo a súa composición non allea ás formas do século XIX, onde aparecera tanta novela de casa grande ou pazo, outórgalle aínda máis beleza. Por moito que estea baseada en pequenas historias locais, reais ou non, coñecidas ou non, por moito que o autor sexa quen de atravesar o tempo cunha velocidade non moi común neste tipo de novelas de saga (Darío Villanueva fala doutras novelas que, co mesmo propósito, demóranse moito máis na descrición dos acontecementos: Thomas Mann é un bo exemplo), o certo é que Carballo Calero consegue compor un extraordinario retablo literario dun mundo rural que ás veces parece detido, ancorado nese pasado decimonónico.

    A Xente da Barreira é unha novela emblemática, porque foi a primeira novela en galego da posguerra. Por tanto, ten unha fonda significación. Botando unha ollada á biografía que Henrique Rabuñal (O anxo da terra) publicou recentemente, un comprende que Carballo Calero capturou a perfección esa relación turbulenta, mesmo violenta, entre a natureza e o comportamento humano. E como estes días, por cuestións docentes, tiven que traballar con Thomas Hardy, non puiden deixar de pensar canto se parecen.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.