Primer Plano

A Xunta ve "risco" no brote de Verín polo envellecemento poboacional e o "alto" número de hospitalizados

Limita ao 50% o aforamento de establecementos e recomenda aos maiores de 75 anos non saír de casa en horas de maior afluencia

  • 19 sep 2020 / 12:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

OURENSE. EP. A Consellería de Sanidade estendeu as restricións para facer fronte á pandemia da COVID-19 a Verín (Ourense) por, ademais da "tendencia ascendente" dos contaxios no últimos tres días na comarca, o "risco" que supón o envellecemento da poboación no municipio e ao "alto" número de casos positivos que requiren hospitalización. Así se desprende da orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), que desde medianoite impuxo en Verín as medidas que aínda manteñen Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e varios barrios da Coruña.

No caso da comarca Verín, o informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública observa que aínda que os contaxios acumulados a sete días presentan unha "tendencia estable" e o número reprodutivo instantáneo aínda se sitúa "por baixo de 1" --é dicir, cada persona con coronavirus contaxia a menos dunha--, a tranmisión obsérvase "ascendente" desde o mércores, 16 de setembro.

No entanto, Sanidade destaca que na capital comarcal a taxa de transmisión nos últimos 14 días é "alta" e o número de positivos hospitalizados tamén é "alto" para ser unha zona "tan pequena" --11 ingresos de pacientes COVID no hospital da localidade--. Ademais, ten o risco engadido "de ser unha poboación moi envellecida".

Por estas razóns, o informe de Saúde Pública recomendou adoptar medidas restritivas en Verín, onde desde este sábado as reunións están limitadas a 10 persoas non convivintes e os aforamentos non deberán superar o 50 por cento con carácter xeral en establecementos comerciais, de restauración e de hostalaría. No caso das terrazas, a capacidade será do 75 por cento, pero o consumo en barra está prohibido.

RECOMENDACIÓNS A MAIORES DE 75 ANOS

Cabe destacar que, neste mesmo termo municipal, Sanidade recomenda aos maiores de 75 anos, así como a outros grupos vulnerables á COVID-19 e que presenten algunha enfermidade respiratoria que se poida agravar polo uso de máscara, que eviten saír de casa nas horas "de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público".

Entre outras medidas que rexen nas localidades con restricións, como é o caso de Verín desde este sábado, e que deberán ser controladas por parte das autoridades locais "dentro das súas competencias", está a limitación dos aforamentos ao 50 por cento tamén nos interiores de lugares de culto, bibliotecas, academias, piscinas e instalacións deportivas.

Así mesmo, redúcese a capacidade de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns --50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre--.

En canto a mercados ao aire libre e feiras, non poderán superar o 50 por cento dos postos habituais ou autorizados, de modo que se limite a afluencia de clientes. Neste sentido, autorízase ao Concello a aumentar a superficie habilitada para estas actividades ou estendelas a novos días para compensar as restricións.

VELORIOS ENTRE 10 E 25 ASISTENTES

En canto aos velorios, estarán permitidos en todo tipo de instalacións, públicas e privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo de 25 asistentes en espazos ao aire libre ou de 10 en pechados, sexan ou non convivientes, ademais do ministro de culto que corresponda.

O límite será de 60 persoas en espazos pechados e de 150 ao aire libre --sen que se supere o 50 por cento do aforamento dos recintos-- en congresos, reunións de negocios, conferencias, eventos deportivos e adestramentos, así como en cinemas, teatros e auditorios. Iso si, poderán ter até 100 persoas en lugares pechados e 300 ao aire libre se os organizadores presentan un plan de prevención de contaxios e o autoriza a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Ademais, co obxectivo de evitar actividades "prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas" en parques e outros lugares de tránsito público, Sanidade recomenda aos concellos afectados o peche destes espazos desde a medianoite até as 6,00 horas da mañá.

SEN RESTRICIÓNS EN ARTEIXO, O ROSAL E A GUARDA

De forma paralela á extensión das medidas a Verín e ao endurecemento en catro rúas de Ourense, Sanidade decidiu desde este sábado levantar as medidas especiais no municipio coruñés de Arteixo e nos pontevedreses da Guarda e O Rosal, debido á baixada das taxas de transmisión a tres e sete días.

No relativo a Arteixo, localidade que permanecía con restricións xa desde o 8 de agosto, o correspondente informe da Dirección Xeral de Saúde Pública destaca que a investigación do brote e o "descenso" das taxas acumuladas a 14 días permite que non haxa "inconveniente en suspender as restricións" no municipio.

No entanto, a pesar dos bos datos que anota todo a área da Coruña, o mesmo informe aínda considera "conveniente" manter as medidas en varios barrios da capital provincial "até verificar que o descenso de casos e taxas está consolidado".

No caso da Guarda e O Rosal, Sanidade decidiu levantar as limitacións despois dunha semana en vigor ao constatar a "boa" evolución destes municipios, posto que no últimos tres días tan só se identificou "un único caso" en cada un deles.

De feito, o informe de Saúde Pública sobre a comarca do Baixo Miño avala o "descenso" da incidencia acumulada da COVID-19 nos últimos tres e sete días e sitúa por baixo dun o número reprodutivo instantáneo, polo que cada positivo infecta a menos doutra persoa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.