Primer Plano

Educación pide informes aos centros para adaptar as aulas no vindeiro curso

Tanto CIG como Anpas Galegas alertan da intención da Xunta de reducir docentes e ampliar ratios nas clases // A Consellería replica que aínda faltan catro meses para a volta ao cole e que se está comezando a súa planificación

  • 21 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nin ao sindicato maioritario entre o profesorado da comunidade, a CIG- Ensino, nin a Anpas galegas lles gustan xa como pinta o vindeiro curso, que será o da desescalada nas aulas no tocante ás medidas anti COVID. Docentes e familias intúen que a intención da Xunta é reducir profesorado e ampliar ratios no curso 2020/2021.

Nun comunicado de prensa,CIG Ensino explica que a Consellería de Educación remitiu un correo electrónico aos centros de Secundaria galegos no que lles demanda a realización dun estudo de adaptación das súas aulas á distancia de 1,2 metros (en lugar dos 1,5 do presente curso). Distancia que se acordou este martes entre o Goberno central e as comunidades na reunión conxunta con Educación e Sanidade para o protocolo de transición. Os centros debían respostar á Administración galga en menos de 24 horas coa sua avaliación de espazos realizada, indica a CIG.

os chamados “gastos covid” Así, detrás desta petición, pensa o sindicato, está a intención da Xunta de reducir o que consideran “gastos COVID” en profesorado, sen que previamente a Consellería presentase ás organizacións sindicais ningunha proposta de plan de continxencias para abordar o curso que vén, “o que xa é unha clara demostración das súas intencións e da nula vontade negociadora”.

A pretensión, ademais, de ter “espazos amplos e versátiles” –aspecto recollido no Plan de nova arquitectura pedagóxica presentado hai escasos días– implicaría acabar cos desdobres de aulas deste curso e, polo tanto, a non contratación dese profesorado, enchendo de novo as clases incrementando as ratios con espazos máis grandes.

criterio economicista Desde a Confederación Anpas Galegas, o seu presidente, Fernando Lacaci, fai fincapé en que todas estas medidas da Xunta indican que a súa intención é que a “excepcionalidade do presente curso” permaneza no que vén, ou sexa aínda peor. Hai unha “constante referencia á volta a ratios anteriores, baixo criterios economicistas, cando deben primar os sanitarios ou educativos”, indica.

“Parece que queren librarse da pandemia negándoa”, e se este ano “o virus saltaba 1,5 metros o ano que vén será igual, non 1,2”. “Pretenden vendernos una decisión económica como se fora sanitaria”, advirte o presidente de Anpas Galegas.

Ademais de denunciar que desta volta a Xunta segue “tomando decisións de forma unilateral, sen informar a Anpas, comunidade educativa....”, Lacaci explica que a Confederación lembra que “o alumnado son os auténticos heroes.

“Como premio, máis xente nas aulas” . “Debémoslles atención especial, levan un ano sin acercarse a outros, sen xogar nos patios, pasando frío nas aulas, usando máscara en todo momento, perseguidos polos corredores e nos recreos para que manteñan a distancia, sen bibliotecas ou espacios de convivencia... e como premio pretenden poñer as mesmas medidas pero con máis xente nas aulas –indica–; a excepcionalidade ten que acabar. Temos que recuperar o bo que había e aprender do bo que conseguimos, como as aulas menos ocupadas. Debemos recuperar a convivencia normal nos centros”, remata Lacaci.

Pola súa banda, preguntada a Consellería de Educación sobre a súa intención de manter os reforzos do profesorado deste curso para o próximo –como recomendou este mércores a ministra de Educación, Isabel Celaá ás autonomías–, e sobre o motivo da carta remitida aos centros de Secundaria, na súa resposta limitouse a dicir que “Galicia está traballando neste momento en base as indicacións marcadas polo Goberno central no protocolo para o curso que vén. A Xunta de Galicia tomará todas as medidas necesarias para garantir a seguridade sanitaria nas aulas e a presencialidade, tal e como se fixo no actual, que se desenvolveu dun xeito satisfactorio” e engade que ao faltar 4 meses para o inicio do curso “apenas está comenzando a súa planificación”.

REFORZO DE APRENDIZAXES Na reunión do Comité Educativo deste xoves, o titular de Educación, Román Rodríguez, informou sobre as medidas que se levarán a cabo nos centros no curso 2021/22, onde sinalou como obxectivos prioritarios o “reforzo das aprendizaxes e contidos e o benestar emocional do alumnado nun novo modelo de centros poscovid”. Salientou que a Xunta aposta pola estabilización do profesorado con OPES en marcha “para preto de 6.000 docentes entre as ofertas de 2020 e 2021”, e anunciou a posta en marcha de programas de recuperación das competencias non adquiridas durante a pandemia.

Pola súa banda, o presidente da Xunta asegurou que o decidido polos ministerios de Educación e SanidadSalo na cita do pasado mércores coas comunidades autónomas son soamente recomendacións, e que terá que ser Galicia a que decida o protocolo real a seguir nos centros educativos o vindeiro curso 2021/22.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.