Primer Plano

Mellora a situación en Galicia e máis de 200 farmacias de Pontevedra entran no programa de cribados de mostras de saliva

A incidencia acumulada a 7 días baixas en tódalas áreas sanitarias agás nas de Lugo e Pontevedra. Malia a presión asistencial, Sanidade cre que poderiamos ter chegado á meseta. Seguen a incrementarse as probas diagnósticas

  • 03 feb 2021 / 12:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os esforzos feitos pola poboación galega para frear o COVID “comezan a dar froitos”. Segundo confirmou este mércores o conselleiro de Sanidade, “estamos nunha tendencia descendente, pero queda moito camiño por percorrer. Somos optimistas, pero non podemos ser triunfaliastas, entre outras cousas polo número de mortos da pandemia”.

O positivo hoxe é que baixan os pacientes na UCI, con 6 menos, e descenden en 61 os ingresados en camas convencionais. En opinión de Julio García Comesaña, é “a primeira vez que podemos falar dunha baixada da incidencia acumulada no último mes”. Tamén destacou que hai xa 28.935 galegos e galegas vacinados coa segunda dose.

Dentro desta situación, a directora xeral de saúde pública fixo fincapé no descenso do número reprodutivo instantáneo, é dicir, os contaxios que se producen por cada positivo. Carmen Durán detallou que a tendencia é descendente e a día de hoxe está por debaixo de 1 en tódalas cidades e en tódalas áreas sanitarias.

No tocante á incidencia acumulada a 7 días, que é “a taxa que realmente nos dá a evolución da pandemia máis a curto prazo”, está diminuíndo en toda Galicia. Nunha semana pasou de 389 a 336. Hoxe mércores está en 323. Agarda Sanidade que a incidencia acumulada a 14 días, aínda alta, baixe en 4 ou 5 días. Segundo Durán, Galicia acadou o seu pico de incidencia o 22 de xaneiro, cun 6,6%. Nestes intres é do -4,6%. Entramos na última semana, dixo, “nunha fase de meseta con tendencia descendente”.

INCIDENCIA POR ÁREAS SANITARIAS

A incidencia acumulada a 14 días sitúase en tódalas áreas sanitarias por riba dos 550 casos por 100.000 habitantes. Nos casos concretos da Coruña, Ferrol e Ourense, é aínda superior: 850. Sen embargo, hai descensos importantes na incidencia acumulada a 7 días. Na área sanitaria da Coruña pasou de 492 a 392, na de Ferrol de 308 a 296, na de Ourense de 525 a 389, na de Santiago de 309 a 276, e na de Vigo de 242 a 223.

As áreas sanitarias de Lugo e Pontevedra rachan esta tendencia descendente. Na primeira a incidencia acumulada a 7 días pasou de 209 a 225, e na de Pontevedra de 297 a 352.

Carmen Durán explicou que aínda que a tendencia é descendente, “hai que tomar as previsións coa debida cautela, porque pode haber factores que as modifiquen”. En calquera caso, apuntou, “é posible que teñamos chegado ao máximo, e nos vindeiros 7 días deberiamos ver unha diminución de casos”.

Sobre as variantes do virus, a 1 de febrero estaban confirmados 14 casos da chamada cepa británica e 1 da sudafricana. Hai ademais outros 200 casos en estudo. O problema, dixo o conselleiro de Sanidade, é que as PCR non detectan variantes, só positivos ou negativos. Só 2 equipos dos que ten a Xunta son quen de detectar a variante británica. A preguntas dos xornalistas, García Comesaña sinalou que esta última podería ser a variante dominante “en 4, 6 ou 8 semanas”.

PRESIÓN ASISTENCIAL

O xerente do Sergas explicou, no referido á presión asistencial, que nos últimos 7 días detectouse un incremento da ocupación por pacientes COVID nas unidades de críticos, chegando ao 42%. En camas convencionais a ocupación é do 16%. Do total de galegos con coronavirus, 21.068 recupéranse nos seus domicilios con síntomas menores ou sen sintomatoloxía.

José Flores confirmou que están “totalmente operativos” os plans para o traslado de pacientes entre os hospitais públicos galegos, garantindo os coidados que precisan. Ata o momento foron trasladados 19 pacientes da área de Ferrol e 7 da área de Pontevedra. En Lugo aínda non foi preciso reprogramar cirurxías.

Sobre os plans de continxencia, a área sanitaria da Coruña está en fase 3, a de Santiago está en fase 3 de críticos e en 2 de hospitalización, a de Ferrol en fase 3, a de Lugo en fase 1 de hospitalización e 2 de críticos, a de Ourense en fase 2, a de Pontevedra en fase 3 e a de Vigo en fase 2. Segundo o conselleiro, hai alternativas no caso de que os hospitais puidesen chegar á fase 4. Os da Coruña e Ferrol son os que están máis ao límite, se ben polo momento, sinalou, non é preciso tomar máis medidas.

INTENSIFICACIÓN DOS CRIBADOS

Galicia incrementou de xeito importante o número de probas diagnósticas realizadas. Carmen Durán expuxo que “do 22 ao 29 de xaneiro realizamos 118.800 probas diagnósticas, das que 29.000 se corresponden con test de antíxenos, e o resto, con PCR”. A cifra supón 4.400 probas por 100.000 habitantes, fronte ás 3.700 da media española”. Tanto ela como o conselleiro e o doutor Pedro Rascado pedíronlle á poboación que acoda a estes a estes chamamentos.

Durán dixo que se seguen a intensificar os cribados para dobregar a curva da pandemia. Estanse a facer PCR nasofarínxeas, de saliva con pooling, e test de antíxenos. Tamén destacou o traballo da unidade móbil COVID-auto, á que foron citadas 53.000 persoas entre o 27 de novembro e o 24 de xaneiro. Detectáronse entre 140 e 150 positivos, a maior parte deles en Arteixo, con 84.

A semana pasada realizáronse 42.000 probas diagnósticas, das que case o 1% eran positivas. Esta semana hai programada unha importante batería de cribados : Poio, A Laracha, A Coruña, Cambre, Malpica, Ferrol, e Ortigueira son algunhas das localidades nas que se levarán a cabo. Realizaranse estes días entre 45.000 y 50.000 pruebas.

CRIBADOS NAS FARMACIAS DE PONTEVEDRA

En colaboración co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, os despachos da provincia que así o desexen participarán na entrega e recollida de botes de saliva para procesalos despois por PCR. O programa piloto comezará mañá mesmo en 6 farmacias das 222 que se adheriron polo momento (o 52% do total), e a previsión é estender a iniciativa ao resto a partir da vindeira semana.

Desde o propio Colexio, Alba Soutelo sinalou que o fin último destes cribados será “identificar o virus en persoas asintomáticas”. Ofreceranlle a opción de facer a proba ás persoas de entre 40 e 64 anos, con tarxeta sanitaria, e que cumpran unha serie de requisitos: non estar en coidados paliativos, non traballar en residencias de maiores ou de dependentes, non estar illados por contactos estreitos con algún positivo e non ter feito unha PCR nos últimos 15 días. Os que participen no cribado deberán facer unha recollida de saliva ao día seguinte en xaxún e antes de limpar os dentes, e levala á farmacia antes das 10.30 horas. Será o propio despacho o que faga chegar a mostra ao laboratorio de Microbioloxía de Vigo para realizar unha PCR por pooling. Se o resultado é negativo, ao paciente chegaralle un SMS. Se é positivo, contactarán con el para facer unha PCR nasofarínxea.

NOVOS EQUIPOS PARA OS TEST DE ANTÍXENOS

Ademais desta iniciativa, o conselleiro anticipou outra novidade: a partires de mañá incorporaranse aos servizos de Urxencias dos PAC dos 14 hospitais da rede pública galega, de Povisa e de 24 Puntos de Atención Continuada, novos equipos para os test de antíxenos. A diferencia dos actuais, “o procesado é automático, sen interpretación, ten máis sensibilidade, e o dato xa queda rexistrado. É un sistema fiable e máis sensible”.

O conselleiro de Sanidade agradeceu o traballo que están a facer todos os profesionais sanitarios, especialmente nuns momentos nos que a presión hospitalaria é moi alta. Un deses profesionais é o doutor Pedro Rascado, médico intensivista do CHUS, que tamén interviu na comparecencia. Sinalou que, malia os datos esperanzadores, “non podemos baixar a garda nin quedar satisfeitos coa situación actual. Seguimos tendo nas UCI unha presión alta, e a previsión é que siga aumentando nos vindeiros días”.

O positivos, engadiu, “é que unha vez máis vemos que as medidas restrictivas adoptadas, durísimas, teñen o seu efecto. Reducir a incidencia é moi importante para baixar a presión nos hospitais. Agradecemos o esfuerzo a tódolos galegos que están cumprindo coas restricións”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.