Primer Plano

Os galegos votarán sen contacto supervisados por Protección Civil

A Xunta despregará persoal para regular o acceso aos locais electorais o vindeiro 12-X // Onte realizouse unha mostra nun de Marín de como será o proceso

  • 23 jun 2020 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O CEIP da Laxe en Marín foi o lugar elexido polos responsables do
Executivo autonómico para realizar na mañán de onte unha demostración práctica de como se desenvolverá a xornada electoral do vindeiro 12-X. Nun escenario marcado pola presenza do coronavirus que obrigou ás autoridades competentes a desenvolver un protocolo que garanta a seguridade tanto de electores como dos membros das respectivas mesas electorais.

Persoal de Protección Civil e representantes da Administración ocuparanse na entrada dos locais electorais de recordar o uso obrigatorio de xel hidroalchólico e da máscara, facilitándollo o equipo de protección no caso de que os electores non traian o seu. Ademais axudarán tamén a regular o acceso e o aforo, xestionando o fluxo de votantes ou o acceso das persoas maiores ou con discapacidade, que contarán con prioridade á hora de exercer o seu dereito ao sufraxio, garantindo deste xeito que se cumpre o Protocolo desenvolto pola Xunta.

A xornada desenvolverase en 2.405 locais electorais distribuídos por toda a xeografía galega, que durante estas semanas xa foron supervisados e revisados polo equipo de 133 representantes da Xunta que corroboraron que o 100% dos locais electorais cumpren actualmente coas medidas de seguridade. Non obstante a semana previa aos comicios realizaranse novas revisións para comprobar, logo da instalación do mobiliario e da sinalización, que todos os locais cumpren coas garantías. E é que todos os centros contarán cunha sinalización do percorrido, marcas coas distancias de seguridade que hai que manter, zonas de entrada e saída diferenciadas; e cabinas que manteñen o segredo do voto sen necesidade de manipular ningún elemento que puidera supoñer un risco de contaxio por covid-19, como o eran habituais cortinas. Ademais, os locais serán correctamente ventilados, antes e durante a xornada electoral, e intensificaranse as actuacións de limpeza e desinfección nos dias previos ao 12-X e no propio día, podendo chegar os propios concellos a demandar que se desinfecte o centro antes do comezo das votacións.

Os locais contarán tamén con mesas para os presidentes e os vogais que permitan manter a distancia de seguridade, da mesma forma que esta debe ser tamén garantida na zona que ocuparán interventores e apoderados dos partidos políticos. Para isto a Xunta insta a que tan só acuda un interventor por candidatura por cada tres mesas electorais.

PARA OS ELECTORES. Os electores deberán de ter varias cousas en conta á hora de acudir aos centros de votación. En primeiro lugar, a obrigación de empregar xel hidroalcóholico e máscara, que poden levar dende o seu propio domicilio ou recibilas no propio colexio, onde entrarán por un acceso diferente ao da saída cumplindo cos fluxos de circulación que require o protocolo.

Unha vez na mesa electoral percibirán a presenza dunha atípica bandexa na que se deberá depositar o DNI –ou outro documento acreditativo– antes de votar, co obxectivo de rebaixar ao mínimo os contactos entre os membros das mesas electorais e os propios votantes.

A pesares da presenza de cabinas anti-covid (sen cortinas), a Xunta recomenda que na medida do posible se leve o voto preparado da casa para evitar ao máximo os contactos.

PARA OS MEMBROS DAS MeSAS. As pautas para os membros das mesas baséanse “na hixiene” e no uso de material de protección. En concreto, facilitaránselle catro máscaras a cada un para cumprir “coa necesaria renovación cada catro horas”, dispoñendo ademais dunha pantalla facial.

A excepcionalidade percibirase tamén á última hora da xornada, pois os presidentes de mesa deberán saír, ás 20,00 horas, do colexio electoral para identificar os electores que nese momento fagan fila fóra, unha tarefa na que tamén está previsto que colaboren os efectivos de Protección Civil e representantes da Administración autonómica.

Lembren que ata o de agora, ás 20,00 horas pechábanse os colexios electorais e só as persoas que se atopaban dentro podían exercer o seu dereito a voto. Pero as medidas de seguridade e a distancia que hai que manter entre unhas e outras persoas obrigaron a cambiar este aspecto á hora de pechar as urnas.

En definitiva, acudimos en Marín a un simulacro das escenas que decorrerán Galicia o vindeiro 12-X. Nuns comicios sen precedentes, nos que o protocolo de seguridade tratará de manter á raia o abstencionismo e garantir que os galegos exercemos o noso universal dereito ao sufraxio nun contexto –aínda– de gran incertidume.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.