Primer Plano

Reabre a hostalaría con limitacións e permítense reunións con non convivintes

Galicia comeza a desescalada en catro fases. Santiago, Ames e Teo estarán a partir do venres na de menos restricións, o que permite a bares e restaurantes abrir ata as 23.00 horas cun aforo máximo do 50% no interior dos locais, e do 75% no exterior. Feijóo apela á responsabilidade “para non ter que pechar de novo aínda que esteamos en Nadal”. Pedirá restrinxir a mobilidade con Portugal durante a ponte

  • 02 dic 2020 / 11:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Galicia comeza un proceso de desescalada, asesorada polo comité clínico do Sergas”. Así o confirmou Alberto Núñez Feijóo este mércores, logo de case un mes “de medidas moi restrictivas, e unha vez obtidos maioritariamente os obxectivos marcados”. A curva de contaxios polo COVID, dixo, “descende dunha forma sólida”. Iso sí, “continúa a preocupación, e debemos estar permanentemente vixiantes e prevendo aperturas e peches, mesmo no Nadal”.

Logo de agradecer o traballo feito polos expertos do comité clínico, o presidente da Xunta explicou que, a diferencia de outubro, “en novembro se constata unha evolución máis positiva cunha tendencia constante á baixa en contaxios e ocupación hospitalaria”. Neste sentido, detallou que “descendeu un 25% o número de casos con coronavirus, e baixou un 30% a incidencia acumulada a 14 días, e case un 50% a 7 días”. Ademais, engadiu, hai 119 persoas menos con COVID no hospital, e nas UCIs pasouse de 79 a 67. Desde o 7 de novembro hai unha baixada xeral nos indicadores do 25%.

Galicia, apuntou Núñez Feijóo, é a cuarta comunidade de España coa menor taxa de incidencia a 7 e 14 días, a de menor porcentaxe de ocupación de UCI, e a segunda de España en ocupación hospitalaria.

Con estes datos na man, o presidente concluiu que “hai unha melloría suficiente para comezar a suavizar as restricións nalgúns municipios”. Os cambios entrarán en vigor o vindeiro venres. Deste xeito, suliñou, permitirase a interacción social de persoas non convivintes, abrirase a hostalaría con limitacións, pedirase restrinxir a mobilidade con Portugal ata o día 9 de decembro e, exceptuando as zonas confinadas, permitirase a mobilidade por toda a rexión. Mantéñense sen cambios os aforos do comercio e do transporte público, e o toque de queda.

DESESCALADA EN 4 NIVEIS

Para a posta en marcha da desescalada, tíveronse en conta distintos indicadores: a taxa de incidencia, a incidencia en maiores de 65 anos, a porcentaxe de PCR positivas, a porcentaxe de ocupación da UCI e das urxencias, a orixe dos brotes, e o tamaño dos municipios.

A desescalada farase en 4 niveis: máximo, medio alto, medio e básico. O máximo é o que contempla as maiores restricións, as do coñecido como modelo Carballiño. Nel entran os concellos de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia acumulada a 14 días maior ou igual a 250 por 100.000 habitantes. Nestes municipios a hostelería poderá abrir as terrazas ata un 50% do aforo, ata as 17.00 horas e con grupos de 4 persoas como máximo, sexan ou non convivintes. Nesta situación estarían por exemplo Pontevedra, Poio e Marín, O Grove e Sanxenxo, Carballo e A Laracha, e Tui, Ponteareas, Vilalba, Narón, Redondela e As Pontes.

No nivel medio alto a hostalaría pode abrir as terrazas ata un 50% do aforo, e pode abrir no interior ata un 30%. O horario será ata as 17.00 horas e con grupos de 4 persoas como máximo, convivintes ou non. Nesta fase estarían os concellos de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia acumulada de entre 150 e 250 a 14 días. Sería o caso de Ferrol, Fene e Neda, Vigo, Mos e Nigrán, Coristanco, Malpica e Ponteceso, Meis, Cee, Oroso, Vimianzo, Vilagarcía, Gondomar, Lugo, Lalín, Xinzo, Ribadavia y Vilaboa, Dumbría e Muxía.

No tocante ao nivel medio, a hostalaría pode abrir cun aforo do 40% no interior do local e do 50% na terraza, ata as 23.00 horas e con grupos máximos de 6 persoas sexan ou non convivintes. Neste nivel estarían os municipios onde a incidencia acumulada a 14 días sexa de 100 a 150 nos de máis de 10.000 habitantes, e de 150 a 250 nos de menos de 10.000. Nesta fase entrarían A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo.

Por último, o nivel básico atinxe a aqueles concellos cunha incidencia acumulada a 14 días por debaixo de 100 nos municipios de máis de 10.000 habitantes, e por debaixo de 150 nos de máis de 10.000. Nelas, a hostalaría pode abrir cun aforo máximo do 50% no interior dos locais, e do 75% no exterior. A hora límite de peche será as 23.00 horas e os grupos poden ser dun máximo de 6 persoas convivintes ou non. A este nivel pasarían Santiago, Ames e Teo, Ourense, A Estrada e Ares.

RESPONSABILIDADE PARA NON RETROCEDER

Na súa intervención, o presidente galego apelou á responsabilidade de todos para evitar un retroceso e ter que afrontar unha terceira onda da COVID. Segundo Núñez Feijóo, malia que se suavicen as restricións, “non hai razón para confiarnos por moitos motivos. Segue habendo contaxios, a nosa porcentaxe de inmunidade é moi inferior á do resto de autonomías porque en Galicia a incidencia é menor, e canto máis nos abrimos, máis risco hai”.

É preciso, suliñou, cumprir as normas: “Entre as videoconferencias e as apertas hai términos medios”, destacou. O reto é “que logremos baixar a curva sen ter que dar pasos atrás. Volveriamos pechar aínda que esteamos en Nadal. Todos sabemos exactamente o que temos que facer”. Logo de sinalar que a Xunta deberá incrementar “ao máximo” a capacidade de rastrexo, Núñez Feijóo lembrou que “hai que ter a máscara posta nos locais de hostalería”.

REUNIÓNS DE NADAL

Sobre as reunións durante o Nadal, o presidente da Xunta explicou que aínda é cedo para tomar decisións e que todo dependerá da evolución da pandemia. Neste sentido reiterou o que xa adiantara no seu momento: a Xunta é partidaria de que se teña en conta o criterio das unidades familiares máis que dun número concreto de persoas, e tamén de que os nenos de menos de 10 anos non conten.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.