Primer Plano

Récord de infeccións en tres meses tras o gromo da residencia do Incio

Galicia supera os 200 positivos diarios por vez primeira dende o 6 de maio // Preocupación pola situación do xeriátrico do concello lucense con máis da metade dos residentes infectados de covid // A Xunta acordou a intervención do centro

  • 21 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A xornada de onte, na que Galicia superou o seu récord de infeccións diarias dende hai case tres meses e medio, veu marcada polo gromo detectado na residencia de maiores do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, e que a Xunta decidía intervir a última hora do día. Alí rexistráronse onte un total de 69 casos positivos; 4 dentro do cadro de persoal e 65 entre os residentes; o que supón que máis da metade dos usuarios son casos positivos por covid-19.

A alerta saltaba no mediodía do mércores tras detectarse a infección nunha traballadora do centro, que non presentaba síntomas e que –aínda que se está investigando– todo paindica que se trata dun caso importado do gromo de Monforte de Lemos, a tan só 25 kilómetros. A primeira hora da mañán de onte os resultados das máis de 200 probas PCR efectuadas entre persoal e residentes do centro revelaron a existencia dos xa referidos 69 casos activos.

O rexedor inciano, Héctor Corujo, mostrouse “sorprendido” ante o gran número de casos detectados na residencia. Dada esta magnitude, anunciou que demandará a Sanidade que efectúe un cribado masivo na localidade para detectar posibles infeccións no pobo, ou cando menos, que se realicen probas aos familiares tanto dos usuarios como dos traballadores do centro.

Sinalou, ademais, en declaracións a Efe que se trata dun gromo que “pode afectar a máis concellos da zona” xa que “hai moitos usuarios que non son do Incio”, mentres que a meirande parte dos traballadores do centro son veciños do concello.

Este feito levou xa ao alcalde de Sober a anunciar o peche do ximnasio municipal e a finalización da tempada das piscinas públicas. Nesta mesma liña actuou tamén o rexedor da Pobra de Brollón que suspendeu xa o servizo de atención no fogar e a realización de eventos culturais como “medidas cautelares” ante a incidencia do virus na zona. O Incio adoptou medidas similares.

O BNG realizou unha demanda ao Executivo galego para que intervira publicamente a residencia, como finalmente fixo. A deputada frontista, Carme Aira –que con anterioridade ocupaba o cargo de secretaria comarcal de CIG-Saúde en Lugo– demandou así un protocolo para “as persoas máis vulnerables”, ao tempo que ofreza información detallada da situación ás familias co obxectivo de que non se produza a situación que se viviu noutras residencias galegas nas primeiras fases da pandemia.

A pesares de seres de lonxe o gromo de maior importancia tanto cualitativamente –por tratarse de persoas de idade avanzada– como cuantitativamente non foi este o único novo abrocho rexistrado en Galicia ao longo da xornada de onte.

No concello ourensán de Vilamarín detectáronse seis positivos nunha unidade familiar. Segundo informou a área sanitaria de Ourense, o pasado mércores rexistrouse un caso positivo importado de covid-19 nun home de 45 anos. Dende ese momento atópase en situación de illamento e o Sergas iniciou un estudo a todos os seus contactos máis estreitos, froito do cal se obtiveron seis resultados positivos en probas PCR na súa unidade familiar.

Froito deste brote, a Consellería de Sanidade viuse na obriga de restrinxir as visitas na residencia sociosanitaria Santiago Apóstol de Vilamarín co fin de “preservar a saúde e a seguridade tanto dos residentes como dos traballadores do centro”.

Por outra banda, tres dos gromos xa rexistrados con anterioridade viron onte como se incrementaba o seu número de casos activos. É a situación do brote de Monforte de Lemos, cuxo cifra de casos activos ascende xa a 40 –12 máis que o mércores–.

Gloria Prada, tenente de alcalde da localidade, sinalou que no edificio confinado na rúa Duquesa de Alba as probas remataron “na xornada do martes” e posteriormente se realizaron máis test a outros veciños. Prada califica a situación actual de “moi preocupante”, un feito perceptible na poboación monfortinam onde varios locais de hostalaría xa pecharon os seus negocios por precaución.

Aumentan os casos activos tamén no gromo relacionado cun campamento infantil no concello coruñés de Cerdido ata os 17, tras a detección na xornada de onte “dun contacto positivo máis”, segundo informaron fontes da área sanitaria de Ferrol.

Deste modo, tres dos positivos neste brote son monitores, dous menores e doce contactos dos anteriores.

O último gromo no que se rexistrou un incremento dos positivos foi o de Viana do Bolo (Ourense). Neste caso trátase dun brote familiar onde a detección no día de onte do positivo dun mozo de 16 anos de idade, aumentou o total de infectados ate os 14. Aínda que segundo informou a área sanitaria de Ourense este novo caso sumouse tras “completar o estudo, identificación e control de contactos dos afectados e a realización da probas PCR correspondentes”.

DATOS XERAIS DA COMUNIDADE. Galicia rexistrou no día de onte un total de 205 novos positivos elevando a cifra de casos activos ata os 1.783. Trátase do maior aumento diario de positivos dende o 6 de maio, cando se contabilizaran 239 novos casos.

Desgraciadamente houbo que lamentar o falecemento dun nonaxenario ingresado no CHUAC con patoloxías previas, aumentando a 626 o número de vidas tronzadas pola covid na comunidade.

Rexistrouse ademais un leve aumento das hospitalizacións. Concretamente son setenta –52 deles na área da Coruña– dos cales seis permanecen nunha uci mentres que 64 se encontran en unidades convencionais de hospitalización –9 máis que o pasado mércores–.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.