Primer Plano

Segue o debate das fronteiras: España mantén o 1 de xullo e pide un marco común europeo

O Goberno aposta por fixar unhas reglas comúns na UE para regular o turismo

  • 05 jun 2020 / 19:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

España é un dos países que máis tarde prevé levantar as restricións ao paso da súa fronteira interior, xa que a súa apertura ao resto de países da UE e da área Schengen, –á marxe de anuncios improvisados e as respectivas rectificacións– sigue fixada para o 1 de xullo. Unha medida que non mudará independentemente do que fagan o resto de países da UE que xa preparan maioritariamente a súa apertura a Schengen neste mes.

Así o aclarou no día de onte a ministra portavoz, María Jesús Montero, dicindo que “non houbo ningún cambio na posición do Goberno” e subliñando que “a seguridade debe estar por encima de calquer cuestión”. Solvéntase, deste xeito, a confusión creada pola ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, cando afirmou que o 22 de xuño se eliminarían as restricións á mobilidade para os tránsitos terrestres con Francia e Portugal causando o malestar do Executivo luso, e a posterior corrección do seu propio departamento que aclarou que a data correcta continúa sendo o 1 de xullo.

VAIVéns DO EXECUTIVO. Unha confusión que lle valeu ao presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, para volver a cargar contra o Goberno central. En verbas do líder dos populares galegos, os “vaivenes” executivos sobre a apertura de fronteiras “perxudican a imaxe exterior de España”.

Feijóo referiuse en concreto á raia que Galicia comparte con Portugal, fronteira con 27 pasos dos que só están abertos tres. Unha realidade que perxudica gravemente a traballadores transfronteirizos e empresas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que levaron a Feijóo a avogar pola disposición de máis pasos, antes da apertura total do 1 de xullo.

marco europeo. Pedro Sánchez e Giuseppe Conte demandaron onte por medio postal á Comisión Europea que o levantamento das restricións nas fronteiras exteriores comunitarias se faga de forma coordinada e non discriminatoria entre todos os estados membros, e base a criterios epidemiolóxicos “comúns, claros e transparentes”. María Jesús Montero enmarcou esta demanda na conveniencia de que existan unhas regras que regulen algo tan importante como o turismo no conxunto da UE, xa que como engadiu a ministra “a mobilidade é compartida, aféctanos a todos”.

Ao respecto desta apertura das fronteiras exteriores comunitarias pronunciouse a comisaria de Interior da UE, Ylva Johansson, quen anunciou que nos próximos días presentará unha proposta para a reapertura gradual a partires de “primeiros de xullo”. Unha medida que apoian “moitos” dos Estados membros que xa están retirando as restricións dentro do espazo Schengen durante este mes. Pero preocupa a outros que avisaron “de non estar aínda preparados” para decidir se se poderá abrir a fronteira exterior neses prazos, e queren esperar a ver como evoluciona a situación epidemiolóxica.

Tocará permanecer atentos a cal é a proposta final da UE, que pode facer coincidir a apertura da fronteira exterior comunitaria coa apertura de España ao turismo estranxeiro o 1 de xullo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.