Área
PORTO DO SON. Terceira xornada de busca sen resultados fructíferos// A familia dos mozos de Noia agradecen todas as axudas que están a recibir//Outros parentes afectados por episodios semellantes lembran, conmocionados, os seus casos máis próximos e persoais Paula Pérez Cantelar

A traxedia do kaiak fai revivir a dor das familias doutros desaparecidos

  • 10 jul 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Onte proseguiu o operativo de busca dos dous kaiakistas desaparecidos dende este luns tras envorcar a súa embarcación na zona de Porto do Son (A Coruña), centrado, sobre todo entre a praia de Río Sieira e Caveiro con medios marítimos, aéreos, subacuáticos e inclusive terrestres.

Por mar, Salvamento Marítimo, nunha operación coordinada polo centro de Fisterra, mobilizou de novo á Salvamar Régulus, que deu apoio aos buzos e que segue realizando chamadas aos barcos que se atopen na zona para que extremen a vixianza e que ‘reporten calqueira avistamento’ que poida axudar na localización dos desaparecidos.

Tamén participaron mergulladores da base estratéxica de Salvamento Marítimo da Coruña e do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil. En canto aos medios aéreos, asistiu de novo o helicóptero Helimer 401. Asimesmo e coma nas outras ocasións, continuaron por terra Protección Civil de Porto do Son e a Garda Civil.

A pesares de non ter obtido froitos positivos nestas longas xornadas de busca, a familia dos dous mozos, Javier Hurtado e Miguel Quán, aínda en paradoiro descoñecido, expresaron de igual modo, o seu agradecemento aos que participan no operativo debido ao grande ‘esforzo’ que levan a cabo para poder atopalos.

“A todos aqueles que se están deixando a pel para sacar da auga ao noso neno (por Javier) e o seu amigo da alma”, comeza o comunicado recollido por Europa Press. “O noso máis sincero agradecemento por tanto esforzo para aforrarnos sufrimento”, engaden a continuación.

Nesta mesma liña, trasladaron as “grazas de corazón aos concellos de Noia e Porto do Son, a Salvamento Marítimo, Garda Civil, Protección Civil, buzos, pilotos, barcos...”. Do mesmo modo “a todos eses anónimos que buscan aos nosos rapaces e perdón se nos esquecemos dalguén’, especifican. “De todo corazón, mil grazas”, afirma a familia, que remata e culmina cun ‘non vos rindades’. Outra parente do rapaz Javier Hurtado Trillo, mostrou o seu desexo de que apareza o corpo deste, porque “solución non hai e hai que chorar algo”. Por iso, tamén agradeceu que “se volcara todo o mundo”.

DESGRAZA COMPARTIDA. O caso destes rapaces, por desgraza non é único e excepcional, xa que, aínda sendo o océano fonte de vida, alimento, osíxeno e un lugar que moitos e moitas adoramos, tamén ten grande poder e resulta moi perigoso en moitas ocasións. Así pois, a dor e situación destas familias non é tan pouco común como pensamos, polo que levanta noutras anteriormente afectadas que xa pasaron o mesmo proceso, certa conmoción.

Dende esta redacción contactamos con Vanesa Hermo Torrado, irmá dun dos tripulantes boirense desaparecidos o fatídico día 16 de decembro de 2014 tras o envorco da embarcación auxiliar Paquito Nº Dos, a 1,2 millas ao norte do faro de Cabo de Corrubedo, cun resultado dun morto e dous desaparecidos.

Era unha mañá normal e cotiá para os tres tripulantes deste bote: collían, coma noutras ocasións, un cargamento de mexillóns en Cabo de Cruz con rumbo á Ría de Muros e Noia, a onde chegarían ás 16.00 horas. Mais os tres traballadores, xamais conseguiron volver a ver terra.

Ao Centro de Coordinación de Salvamento, de SASEMAR, chega unha chamada de aviso de desaparición e dende entón comeza o pesadelo das familias. A mañá do 17 de decembro o operativo de busca, entre os que se atopan algúns dos servizos e elementos cruciais na procura actual dos mozos noieses, atopan un corpo. Porén, dos seus dous compañeiros nunca se obtivo pista do paradeiro.

Vanesa afirma que a situación pola que pasaron e que deben estar a atravesar os familiares dos dous kaiakistas, é “moi complicada”. Os primeiros días son, comenta, os peores pero “son nos que máis esperanza tes de que aparezan os corpos”.

Comenta tamén que, tras cinco anos e despois de que se baixara e observara o barco onde viaxaban tal día 16 de decembro, e ante as evidentes dificultades de buscar e investigar os baixos da zona de Corrubedo, é moi difícil obter froitos positivos. Porén, a día de hoxe, aínda que non crea que poidan recuperar o corpo do seu irmán e do compañeiro deste, mantén un raio de esperanza.

Aínda así e tras o remate das buscas dos distintos medios operativos, ela e algúns familiares, promoveron a continuación da procura dos corpos a través de buzos privados, e aínda que nunca puido ter de volta consigo o corpo de seu irmán, reitera que nunca perdeu a esperanza.

Vanesa hermo: “Eu ainda penso que apareza meu irmán”

Vanesa Hermo Torrado, irmá dun dos dous desaparecidos dos tres tripulantes vítimas do naufraxio do Paquito NºDos no 2014 nunha viaxe laboral de Boiro a Muros; lembra para EL CORREO GALLEGO que, para ela, a noticia dos dous kaiakistas desaparecidos na tarde do pasado luns foi “un palazo outra vez, porque eu continúo a ter esperanzas en que aparezan meu irmán e o seu compañeiro, e tamén espero que ogallá os dous mozos aparezan”. Cre, ademais, que chegar ao obxetivo de atopalos pode ser, dentro do que cabe, máis sinxelo que no caso que a ela lle tocou vivir máis próxima e persoalmente: “existe unha gran diferencia na época do ano”, xa que non é o mesmo realizar o operativo en xullo que en decembro. “Creo que ao mar hai que terlle moito respeto e cando se sae, haino que facer protexidos e intentando que sexa co mellor tempo posible”, afirma. E, a pesares de que seu irmán debía ir ao mar independentemente das condicións meteorolóxicas e do estado deste en si, xa que a iso se adicaba profesionalmente, engade que “moitas veces teñen que prevalecer menos os cartos e máis a vida”.

Tema marcado como favorito