Área

Abren circuítos de calistenia en Lapido e no Milladoiro

Poden usarse dende o pasado luns, aínda que o aforo está reducido ao 50 por cento na fase 3

  • 11 jun 2020 / 00:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Ames, a través da concellería de Mocidade, vén de abrir esta semana dous circuítos de calistenia; un en Lapido, preto de Bertamiráns, e outro na área deportiva do Milladoiro. Na execución de ambos investíronse 41.922 euros. Xa se pode acceder a eles dende o pasado luns, pero mentres estemos na fase 3 o aforo estará reducido ao 50 por cento, é dicir, poderán empregalos á vez doce persoas.

As estruturas de ambos circuítos están realizadas en madeira laminada finlandesa tratada en autoclave e contan coa certificación forestal PEFC referente ao control e trazabilidade das madeiras, así como a procedencia de cultivos forestais controlados e certificados.

Ambos espazos inclúen postes estruturais con barras de distintas alturas, como espaldeiras, xogos de paralelas curvas, suspensión, escaleira recta e xogo de arandelas, para practicar distintas combinacións deportivas. A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “coa construción destas instalacións dótase á mocidade de novas zonas deportivas”, que permiten a práctica “de todo tipo de adestramentos e estiramentos”. Foméntanse así, engade, “o deporte e as actividades saudables entre os mozos”. Os circuítos de calistenia “permiten a práctica de exercicio físico co propio peso corporal”, sinala.

Os elementos que incluirán permitirán realizar múltiples exercicios e desenvolver diferentes capacidades físicas, como a flexibilidade, forza, resistencia muscular, equilibrio e coordinación. “Con estas iniciativas dótase á mocidade dunhas infraestruturas nas que gozar do tempo libre e practicar deporte como alternativa saudable de desfrute do lecer”, recalcan fontes municipais.

Os módulos de calistenia son cada vez máis populares, en gran medida porque permiten entrenar ao aire libre e ademais de balde, o que o fai máis atractivo fronte aos ximnasios, especialmente con bo tempo. O entorno, a rúa e o propio corpo son os únicos protagonistas.

Cada vez é xa máis común ver campionatos de calistenia, algo que ata o momento era impensable.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.