Área

á autocompostaxe

O programa de Sogama tivo tanta aceptación na vila que incluso existe unha lista de agarda

  • 11 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Tordoia está cada vez máis concienciado con promover o coidado medioambiental e incentivar na vila medidas que axuden a fomentar unha conciencia ecolóxica entre os veciños. Antes do estado de alarma, Tordoia recibiu 25 composteiros, cedidos gratuitamente por Sogama. Agora, ante a boa acollida desta primeira remesa, veñen de obter outros 25. “Hai moito interese entre a veciñanza, de feito existe lista de agarda”, sinala o rexedor, Antonio Pereiro.

Dende o goberno local explican que xa lle solicitaron á Xunta “de forma directa e por medio dunhas subvencións de Medio Ambiente, máis composteiros”, di o alcalde. “Ademais imos contemplar a necesidade dalgún contador da fracción orgánica”, engade. “A nosa idea é camiñar cada vez máis por estas vías verdes”, sentencia Pereiro.

Con este programa de compostaxe doméstica, Sogama pretende recuperar “unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos en orixe para alimento do gando e/ou conversión en compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica”, sinalan fontes da empresa. Os composteiros entregados teñen unha capacidade para 390 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables.

“Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, si se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, co conseguinte aforro de custos ambientais e económicos”, remarcan dende Sogama. É por iso que o obxectivo do programa é “pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica e poñela en valor transformándoa nun fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo e que actúa tamén como elemento protector fronte a pragas e enfermidades”.

Dende Sogama recalcan que todas as persoas que deciden facerse co seu composteiro reciben sempre un manual de apoio no que se explica de forma pormenorizada a operativa: “desde a propia localización do composteiro, ata a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no mesmo”, explican.

Tema marcado como favorito