Área
Historia. Trátase dunha análise recén publicada do autor Joaquín Torres del Río, no que recompila as diversas explicacións dos nomes das localidades da ría que ostentan o título da vila, así como un repaso pola súa historia e a súa heráldica TEXTO Noela Vázquez

Amosa un estudo as orixes da toponimia de Muros e Noia

  • 24 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O historiador e escritor Joaquín Torres del Río, que ten títulos como A toponimia do Concello de Porto do Son, vén de facer público o seu estudo máis recente. Nel trata, entre outros temas, a toponimia, a heráldica e a historia da comarca sonense e as localidades da ría de Muros e Noia que ostentan o título de vila.

A máis antiga, a nena dos ollos de Compostela que durante tanto tempo foi o portus apostoli, é a que máis discrepancias ergue. Hai tantas explicacións para as orixes do nome da vila noiense como un queira atopar. A máis extendida é a bíblica, que de credo popular sitúa en Noela, descendente de Noé, a fundación da vila. As versións varían, pero todas rematan do mesmo xeito: na desembocadura do Tambre, algún dos dous fundou un asentamento na súa honra que nos seus inicios probablemente se localizou nalgún punto entre A Barquiña e Barro.

Outra poboación que se di que fundou Noé, segundo explica Torres, queda na veciña Asturias. Trátase de non outra que Navia, que nas súas orixes foi Noega de la Mar e que posteriormente pasou a ser Noavia antes de derivar ao topónimo actual.

Pero como di o autor, xa escapando da fabulosa orixe bíblica de Noela, non é difícil atopar explicacións etimolóxicas convicentes. É o caso da que ofrece Edilmiro Bascuas na súa análise da Hidronimia é léxico de orixe paleoeuropeo en Galicia de 2006. No estudo explícase que a raíz ta-, que significa ‘fluír’ e que da nome ao Támesis e ao municipio catalán de Tárrega, é problablemente a orixe do nome do río Tambre. Do mesmo xeito, é posible que noig- ou neig-, que vén a dicir algo semellante a ‘lavar’, sexa a de Noia. Semánticamente ten sentido, atendendo ás diferentes formas nas que se escribiu o topónimo ao longo da historia (Noeta, Noeca, Noela, Noega...), á similitude co asentamento homónimo asturiano, e á idea de que, sendo o primeiro asentamento na beira do mar, Noia puidese ser entendida como ‘baño’ ou ‘lavadeiro’ pola súa situación no litoral.

Menos polémica hai arredor da orixe do topónimo de Muros, aínda que tamén hai discrepancias ao respecto. Torres explica que segundo di o Dr. Ataza Malvárez en La villa de Muros y su Distrito (1959), o pobo xa existía como tal nos tempos das invasións romanas a Hispania co nome de Moridunun, aínda que non se atoparon restos destas civilizacións. Outros autores sitúan en Galiza unha vila chamada Morodom, que pode ser entendida como a actual Muros, e unha orixe plausible dos xentilicios ‘muradano’ e ‘muradana’.

Pero o autor coida que a orixe máis plausible é a presenza de torreóns e murallas. De novo, atopa un símil nas terras asturianas, onde si se sabe que a localidade de Muros del Nalón recibe este nome polas súas estruturas defensivas. No caso da vila galega, da que semella que o primeiro asentamento estaba situado preto do cabo Rebordiño, é posible que xa contase cunha muralla para defenderse das incursións normandas. Outra explicación podería ser, tal e como explica, a presenza de accidentes xeográficos montañosos de gran altura que funcionaban a modo de fortaleza natural.

Tamén no estudo, Torres del Río fala da etimoloxía do topónimo da Serra de Outes, ou San Pedro de Outes. Pouco se sabe dos inicios da súa historia, pero si que se poden situarse como mínimo en épocas neolíticas pola presenza de restos megalíticos e castros. A orixe do nome desta vila semella moito máis sinxela, e é que tal e como explica o autor, en varios dicionarios antigos de galego-castelán recóllese o significado de ‘alto’ para a palabra ‘outo’. Do mesmo xeito, a Real Academia Galega define ‘outeiro’ como unha “pequena elevación de terreo illada e de pouca extensión”. Esta explicación sería a que semanticamente se presenta máis lóxica, sendo o asentamento desta vila nun alto mariño que, por certo, pouco ten de serra.

As curiosidades que amosa no seu estudo Torres sobre as vilas da ría de Muros e Noia son moitas e moi variadas. Dende a abundancia da patronaxe de San Pedro nalgunhas parroquias, como San Pedro de Baroña, San Pedro de Boa ou San pedro de Muro; ata as discrepancias á hora de escribir Ribeira (que incide en que xa Otero Pedrayo dicía que sempre con -b, porque vén do latín ripa que significa ‘beiramar’). Pero son tantas que falar de todas sería imposible. A historia, a cultura e a tradición fan desta zona unha pequena cápsula do tempo onde se pode analizar como pasaron os séculos por Galicia, algo sen dúbida imprescindible coñecer para comprender a riqueza destas vilas. O estudo está dispoñible en portodoson.gal.

Tema marcado como favorito