Área
Vedra está deseñando un marketplace para incentivar as compras online // O Pino reparte unha axuda de ata 1.200 euros aos autónomos e empresas que pecharon durante o estado de alarma, e Tordoia impulsará aos afectados con 500 € // Non faltan os sorteos e os vídeos promocionais TEXTO Alba Prada

Apoio da comarca ó comercio local

  • 16 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Sorteos, vídeos publicitarios, anuncios a través das redes sociais e incluso proxectos para incentivar a venda online. Unha das maiores preocupacións dos municipios da comarca de Santiago actualmente é dar apoio aos negocios locais e aos autónomos despois das graves consecuencias económicas derivadas do peche obrigado durante o estado de alarma. Agora máis ca nunca, os establecementos locais precisan gañar visibilidade e a veciñanza, ser consciente do gran valor que ten, agora máis se cabe, apostar polo comercio de proximidade.

O Concello de Vedra centrouse en deseñar estratexias para reactivalo durante as comisións informativas, e agora na “nova normalidade” están dando os seus froitos. Por unha banda, actualizaron e repartiron entre toda a cidadanía a ‘Guía de de empresas, comercios e servizos de Vedra’. O goberno local tamén lanzou a campaña ‘Hai Vedra, ti sumas’, a través da cal os veciños que merquen no municipio poderán optar ao sorteo de vales de 100 euros, 50, 30 e 20 por cada compra de 200 euros. Por suposto, terán que gastalos nos negocios da zona. Con todo, o proxecto que ten máis ilusionado ao Concello é o futuro marketplace. “Será como un Amazon de Vedra”, compara o alcalde Carlos Martínez, posto que “todos os negocios que o desexen poderán colgar os seus produtos online e hai posibilidade de mercalos e recibilos na casa, co debido custe”, indica. Agora mesmo aínda están a deseñar a plataforma cuns comercios pilotos e agardan que todo esté listo entre setembro e outubro. “O mercado virtual é o futuro”, sentencia.

O goberno de Tordoia tamén está moi implicado en ofrecer axuda a todos os negocios e actividades aos que o decreto do 14 de marzo obrigou a pechar. En concreto “repartimos un axuda de 500 euros aos afectados”, sinala o rexedor, Antonio Pereiro. Asemade, están a elaborar un vídeo promocional e teñen previsto despois organizar un sorteo entre os veciños que merquen na vila. Poderán optar a vales que logo investirán nos establecementos locais.

Outros dos municipios máis implicados é o do Pino. No último pleno aprobouse destinar ata 100.000 euros para axudas directas aos traballadores autónomos e pequenas empresas con menos de dez empregados que tiveran que pechar os seus negocios no estado de alarma. Esta medida está destinada aos autónomos empadroados no municipio, que poderán recibir un máximo de 1.200 euros. A proposta contempla unha axuda de 600 € (200 euros mensuais durante tres meses) para compensar o custo do aluguer, e outros 600 euros (200 mensuais durante tres meses) para pagar a cota de afiliación a Seguridade Social.

O Pino elaborou tamén un vídeo promocional para dar visibilidade aos seus negocios, algo que tamén fixo o goberno de Frades. Boqueixón, sigue a aproveitar as redes sociais para animar á veciñanaz a facer as compras na vila e Melide baixo o slogan “Merca en Melide, Cerne de Galicia”, levará a cabo durante os vindeiros meses campañas para promocionar o comercio ou a hostalería. Ademais, en colaboración con Asetem, anunciaban en maio a posibilidade dos negocios de pertencer a plataforma Zaska! para vender online. Tamén Ames retomou unha campaña coa que repartirán seis mil bolsas co lema ‘Comercio de Ames. Témolo todo’.

O PROTAGONISTA
“teño que felicitar aos negocios e veciños”
Carlos Martínez
Alcalde de Vedra

O Concello de Vedra, xunto ao resto de partidos da oposición, foi deseñando nas comisións de seguimento celebradas no estado de alarma, propostas para apoiar aos negocios e autónomos da vila durante a “nova normalidade”. Por un lado “estamos a facer promocións de publicidade e sorteos, cos que se inviste o gañado, de novo nos locais vedreses”, explica o rexedor. E tamén veñen de reeditar a guía do comercio “coa idea de que todos os negocios do municipio estén presentes nas redes”. Este foi un labor fundamental, engade, porque “a cidadanía debe saber que en Vedra hai todo tipo de servizos, sen necesidade de saír a Santiago, por exemplo”, recalca o alcalde. “E a realidade é que estamos moi satisfeitos co comportamento dos veciños e dos propios empresarios”. A proposta máis moderna chegará entre setembro e outubro, cando saia á luz o marketplace, no que os negocios exhibirán os produtos online e a través do que a veciñanza fará pedidos a domicilio.

{ A OLLADA }
Protexer o noso
Alba Prada

xa dixen moitas veces que o único “positivo” que podemos sacar desta crise sanitaria que azota ao mundo é a solidariedade que espertou entre particulares e empresas, que en todo momento se ofreceron a colaborar dentro das súas posibilidades. Os autónomos e negocios que se viron obrigados a pechar durante o estado de alarma están agora a sufrir as consecuencias económicas de tantos meses sen actividade. Por iso é loable o esforzo que están a facer moitos concellos, investindo boa parte do orzamento en campañas para dar visibilidade aos comercios locais e repartindo axudas entre os afectados. Dende logo, a pesar das dificultades que están a atravesar sobre todo os pequenos negocios, é un gran apoio para ir collendo forzas.

Tema marcado como favorito