Área
pesca. Mar habilitará 600.000 euros para paliar a caída de ingresos durante a pandemia // Houbo rulas que, aínda que rexistraron máis descargas que en 2019, facturaron menos a causa da baixada de prezos // A crise sanitaria fixo caer a demanda de peixes e mariscos debido ao peche da hostalaría

Axudas para as confrarías e lonxas

  • 08 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Consellería do Mar incluíu no seu plan para a dinamización do complexo mar-industria Avantemar unha liña de axudas, por valor de 600.000 euros, para que as confrarías de pescadores e outras entidades xestoras de lonxas poidan compensar as caídas de ingresos que sufriron durante o estado de alarma como consecuencia da menor demanda de produtos do mar polo peche da hostalaría, e favorecer así o mantemento da súa actividade.

Así o anunciou onte a conselleira, Rosa Quintana, durante unha visita á confraría de Malpica, onde destacou a importancia destas entidades para o desenvolvemento do sector e para a recuperación trala crise sanitaria. Agradeceu o esforzo que fixeron os buques pesqueiros e as propias lonxas durante a pandemia “para cumprir co seu papel como actividade esencial para o subministro de alimentos de calidade á cidadanía”, e incidiu en que houbo rulas que incluso rexistraron máis descargas que durante o mesmo período de 2019 pero que “viron como os seus ingresos descendía pola caída de prezos ante a menor demanda”. Ese foi o caso da de Malpica.

A convocatoria das axudas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días e resolverase ao longo de 2020, segundo sinalou Quintana. A contía do apoio fixarase tendo en conta a caída dos ingresos polas tarifas que lles correspondan ás entidades solicitantes pola poxa ou venda cun máximo a considerar do 7% no período do estado de alarma, entre o 14 de marzo e o 15 de maio.

A conselleira salientou que o plan Avantemar aspira a reactivar a cadea mar-industria de Galicia o antes posible “e que ningúen quede atrás no camiño da recuperación atendendo especialmente a aqueles profesionais e entidades que, coma nestes caso, non se benefician das medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)”.

O referido plan suporá unha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 e 14 en 2021 no complexo mar-industria a través de cinco liñas de apoio que buscan aportar liquidez e solvencia ás empresas do sector para garantir a súa sustentabilidade e competitividade ante as dificultades derivadas do covid-19.

Entre as medidas de apoio ao sector incluídas no plan está a destinada aos barcos que seguiron faenando durante a pandemia a pesar de que non era rendible, que conta cun orzamento de 7,3 millóns de euros, así como a deseñada para as mariscadoras que non poden acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno do Estado. Estas dúas medidas estarán financiadas integramente con fondos propios da Xunta.

A elas súmanse oito millóns en apoios ao sector transformador, que se adían a 2021 co obxectivo de paliar as caídas na facturación que rexistren durante este ano, seis millóns para as empresas de acuicultura tamén o próximo ano para cubrir as minoracións de ingresos no presente exercicio, e 400.000 euros para as redeiras que viron caer a súa actividade e o número de pedidos como consecuencia da menor actividade da frota. A conselleira do Mar incidiu na importancia de seguir promocionando e incentivando o consumo dos produtos do mar para impulsar os prezos e agradecer o papel esencial do sector.

o protagonista
“Temos que ver agora como son as bases”
Pedro Pérez
Patrón maior de Malpica

O patrón maior de Malpica, Pedro Pérez, valora positivamente a habilitación das axudas, pero amosouse cauto “pois aínda temos que ver como son as bases e os requisitos para poder acceder a elas para saber canto nos pode corresponder”.

No caso de Malpica, aínda que as descargas se incrementaron máis dun 50% respecto ao mesmo período de 2019, os ingresos baixaron máis dun 20%.

Pérez tamén aproveitou a visita de Quintana para amosarlle as melloras acometidas no porto orientadas a reducir o gasto eléctrico da fábrica de xeo e da lonxa, ademais da posta en marcha dunha nova máquina de xeo para abastecer á frota do día e unha cámara de fresco.

Tamén lle plantexou novas demandas, como a habilitación da lonxa para acoller as oficinas da confraría e arranxos na nave das redeiras. Respecto á mellora da seguridade no porto, a conselleira, “confirmounos que os estudos xa remataron e agora teñen que concretar o proxecto que, ao parecer, será custoso, pero é o único xeito de facer una obra con garantías”.

Compensar
{ pasaba por aquí }
o esforzo
Manuel Lavandeira

reza o dito que é de ben nacidos ser agradecidos e, ao igual que sucede cos sanitarios e outros profesionais, a sociedade tamén está en débeda coas xentes do mar que, aínda perdendo cartos e poñendo en risco a súa saúde, non deixaron de saír a faenar para que a cidadanía poidese levar ás súas mesas peixe fresco. Chegou pois o momento de compensar o seu esforzo e nesa liña vai o plan deseñado pola Consellería do Mar. Só cabe esperar que esas axudas cheguen canto antes ás confrarías e xestores das lonxas e que servan para compensar, polo menos en parte, unha perda de ingresos que foi importante e que, non só repercutiu na economía das familias mariñeiras, senón que tamén afectou indirectamente a outros sectores.

Tema marcado como favorito