Área

Estudantes de Ames reciben o galardón Rosalía de Castro

Premiaron a misión no Club de Debate para fortalecer o uso do galego entre os máis novos

  • 09 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Club de Debate, coa participación de estudantes e docentes das escolas de Ames, foi galardoado onte co premio Rosalía de Castro, na súa misión por fortalecer o uso do galego entre os máis mozos. O equipo fíxose co primeiro posto na categoría “colectivo, entidade ou asociación que realiza traballos específicos con sectores da poboación de menores, nenos e novos”, polo que conseguiron unha remuneración de tres mil euros en bruto.

Doutra banda, o equipo Nós Televisión SL, quedou como gañador na sección de “colectivo, entidade ou asociación que destaca no seu labor de normalización lingüística”.

O Club de Debate está representado pola Asociación de Entidades Locais para a Lingua Galega e integrado por expertos en diferentes campos, como administración local, técnicos de normalización lingüística e profesores de diferentes escolas.

Desde o seu nacemento, no ano 2011, Ames colaborou con este proxecto cuxo labor é revitalizar o uso do galego entre a poboación nova en todos os contextos.

O xurado, formado polo técnico de normalización lingüística da Universidade da Coruña, Xesús Manquel Mosquera Corregal; a técnica do Concello coruñés, Julia Rigueiro; a profesora e gañadora da última edición de 21 días co galego e máis; Alicerce Ponche e o xornalista e representante do diario GCiencia, Eduardo Rolland, expresou que o Club de Debate merecía o galardón por promover o uso do galego entre os adolescentes ante calquera situación, perfeccionar as súas capacidades comunicativas, fomentar a capacidade de raciocinio de xeito crítico e conseguir traballar en grupo, respectando as opinións dispares e creando espazos de socialización en galego.

Tanto é así que mesmo a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, declarou que o premio era “un recoñecemento a todas as persoas que, a través dos equipos de normalización dos concellos e escolas, esfórzanse cada ano para promover o noso idioma e tamén fometar a tolerancia e o espírito crítico e analítico da nosa mocidade”. Ademais, agregou que o galardón supoñía un gran orgullo para o Concello de Ames, xa que é a cooperación de estudantes e mestres do municipio a que fixo posible que esta iniciativa cumpra once anos dende o seu primeiro lanzamento.

E é que dende os inicios deste proxecto, máis de cincuenta equipos e cincocentos estudantes do municipio de Ames participaron nel, loitando por conseguir a normalización da lingua galega en todos os seus eidos, promovendo o traballo en grupo e o respecto de opinións, e tratando de mellorar as súas competencias comunicativas, así como o uso de pensamento crítico e analítico.

Tema marcado como favorito