Área

Fomentando un turismo consciente en Razo-Baldaio

Nenos e maiores poden gozar no verán de actividades para coñecer e valorar o litoral

  • 28 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

As concellerías de Medio Ambiente e Servizos de Carballo, xunto cos colectivos ecoloxistas Hábitat, Adega e Senda Nova, repiten experiencia este verán cunha nova edición do programa Eu quero Razo-Baldaio, que pretende promover un turismo consciente no litoral carballés.

Baixo o lema Coñecer para valorar, a proposta inclúe unha vintena de actividades abertas á participación de toda a familia. Concentraranse nos meses de xullo e agosto, todos os mércores e os sábados. Debido á situación sanitaria, os grupos serán reducidos, cun máximo de 20 participantes, polo que as persoas interesadas deben consultar a axenda en www.carballo.gal e anotarse o antes posible.

Unha das novidades deste ano é o reparto de cinceiros individuais por parte da empresa Sulo, coa fin de contribuir á loita contra as cabichas, que, ademais de contaminar, son un posible foco de contaxio. Tamén se utilizarán os colectores de Ecovidrio como soporte para a difusión das actividades da campaña.

Logo do éxito acadado o ano pasado, impartirase un novo obradoiro e crearán unha nova escultura para promover o coidado do medio ambiente e a redución do plástico na vida cotiá.

Do proxecto escultórico encargaranse a artesá Inés Rodríguez, de Allariz, especialista en tecido con novos materiais, e o artista carballés Fabián Lage, que vén de desenvolver unha máquina que permite cortar o plástico en tiras de distintos anchos, facilitando o seu aproveitamento artístico e a súa reutilización. Entre ámbolos dous, coa colaboración de persoal de Aspaber, realizarán unha actuación co denominado “fío de pet” sobre unha figura. O deseño, polo momento, permanece en segredo.

O alcalde carballés, Evencio Ferrero, agradeceu a implicación das entidades ecoloxistas e destacou que nestes momentos, nos que as praias son noticia porque se colocan estacas e balizas, en Carballo apostamos “porque sempre sexan coñecidas polos valores que teñen”.

Pola súa banda, o concelleiro Luis Lamas, subliñou que se trata dunha iniciativa que permite educar no respecto polo medio ambiente aos carballeses e carballesas do futuro, ademais de reforzar os valores naturais do litoral “que é unha obriga”, afirmou.

PROGRAMA
Obradoiros, roteiros e limpezas

··· As actividades comezarán o día 1 de xullo cunha xornada para descubrir os segredos culturais da costa carballesa. Ao longo dos meses de xullo e agosto haberá saídas guiadas de iniciación á ornitoloxía e de identificación e eliminación de especies invasoras, ademais de obradoiros de biodiversidade e roteiros interpretativos pola costa. O taller de escultura con lixo celebrarase os días 16 e 17 de xullo no Fórum Carballo.

··· En agosto haberá tamén xornadas de limpeza de praias, obradoiros de pegadas e indicios e un roteiro polas microreservas de flora ameazada. As actividades rematarán o día 29 coa celebración da Noite das Avelaíñas. O programa pode consultarse en www.carballo.gal/euqueroRB.

Tema marcado como favorito